panoramica2.jpg
“Queremos levar viños galegos a Brasil e introducir o consumo desta bebida, que é moi baixo, de 1,8 a 2 litros/ano por persoa”
Moysés David Herszenhaut, importador brasileiro presente nos Encontros Internacionais de Compradores de Salimat 2010

É o director da empresa de importación e distribución BAID´n Her, con sede en São Paulo, presente nas reunións de negocio do 14º Salón de Alimentación do Atlántico co obxectivo de establecer contacto con firmas de viños, queixos, aceites e conservas de peixe para engadir produtos de calidade ao seu catálogo e introducilos no mercado brasileiro a un prezo asequible.

¿Que produtos buscan nos Encontros de Salimat 2010?

Sobre todo buscamos ampliar a oferta da nosa empresa con produtos perecedoiros de alimentación, especialmente conservas de peixe, aceites, queixos e viños galegos, tanto albariños como doutras rexións de Galicia. Queremos introducir novos produtos en Brasil.

¿En Brasil existe demanda de produtos galegos?

Hai moi pouca demanda, xa que son moi pouco coñecidos. Os produtos de calidade importados consómense pouco en Brasil, por cuestións económicas máis que por preferencias, xa que todos estes produtos encarécense demasiado, até un 50%, debido ao transporte desde os seus países de orixe e tamén polas altas taxas que se lles impoñen.

No caso do viño, cuxo consumo é moi baixo, de 1,8 a 2 litros/ano por persoa. Nós queremos levar os viños galegos a Brasil e introducilos a prezos aceptables. Tamén nos interesa o queixo, xa que alí non temos variedades.

Quizá tamén inflúa as diferenzas entre a alimentación galega e a brasileira

Aínda que os problemas financeiros inflúen moito na demanda de produtos de calidade si é certo que hai moita diferenza entre a alimentación galega e a brasileira, a cociña cotiá é moi distinta. Por exemplo, consómese moi pouco aceite de oliva, e os peixes son distintos.

¿Xa contaban actualmente con algún produto galego na súa carteira?

Non, até o momento non contabamos con ningún produto galego. Espero que a partir de agora si.

¿Teñen realizado algún contacto que lles interesou?

De momento estamos na mañá do primeiro día e tivemos aínda poucas reunións, pero si nos interesou xa un queixo, unha empresa de conservas de peixe e un viño albariño.

¿É a primeira vez que participan nun programa de compradores como este?

En Galicia si é a primeira vez, pero en España  xa estivemos en reunións de negocio noutros sitios, como Barcelona, por exemplo.
 
¿E cal é a súa valoración destes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat 2010?

Este tipo de encontros son moi importantes para importadores como nós, xa que é unha moi boa oportunidade para chegar a mercados e produtos aos que doutro xeito nos sería moi difícil acceder. Que os Encontros de Salimat estean axendados é unha vantaxe moi grande, soamente gustaríanos ter un pouco máis de tempo para visitar máis stands.
 
___________________________________________________________________________________
               

                     
___________________________________________________________________________________