Tivo lugar hoxe no marco dunha xornada de dinamización e emprendemento desta fórmula empresarial
• DEUNAS A COÑECER O SUBDIRECTOR XERAL DE COOPERATIVAS E ECONOMÍA SOCIAL, XOÁN MIGUEL CONCHEIRO
• SUBVENCIONARANSE A CREACIÓN DE OFICINAS DE FOMENTO COOPERATIVO NOS CONCELLOS
Silleda, 11 de xuño de 2010.- A 33ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que se celebra dende onte e ata o vindeiro domingo día 13 de xuño, acolleu hoxe a presentación das liñas de axudas da Consellería de Traballo e Benestar para o cooperativismo en Galicia, as cales se publicarán de xeito oficial en poucos días. O subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social desta Consellería, Xoán Miguel Concheiro, foi o encargado de presentalos na “Xornada de Dinamización e Emprendemento da Fórmula Empresarial do Cooperativismo e Economía Social”, organizada no certame polo Consello Galego de Cooperativas.
Concheiro explicou que se estableceron tres liñas de axudas: unha para o fomento e consolidación das cooperativas agrarias e sociedades laborais, sendo a inclusión destas últimas unha novidade; outra para os concellos e outras entidades locais de Galicia en canto a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo; e unha terceira para programas de fomento de emprego en empresas de economía social de promoción do cooperativismo.
Oficinas de Fomento Cooperativo Dentro da segunda liña destacarán as subvencións para a creación nos concellos de Oficinas de Fomento Cooperativo, as cales incluirán un Axente que se encargará de realizar labores de asesoramento, titorización de proxectos, elaboracións de plans e realización de accións formativas, entre outros labores.
Neste caso será subvencionable parte do importe tanto do aluger do local ata un máximo de 3.000€ como parte do salario dun técnico ata un máximo de 6.000€ por ano de actividades, se é dedicación parcial, e de 18.000€ cando sexa exclusiva a este fin.
No transcurso da Xornada tamén se deron a coñecer as accións que se levarán a cabo na promoción do cooperativismo mediante o impulso do I+D+i. Foi de man da directora de proxectos da empresa adxudicataria para estas accións, Mª Eugenia Juncal Fernández.
Por outra banda, Daniel Diéguez Diéguez, técnico da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), presentou o novo Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Verín, no cal en 5 meses se crearon 3 novas cooperativas, están moi avanzados 2 proxectos e xa hai outros 5 grupos promotores.
A Xornada foi clausurada polo director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, tendo lugar a continuación unha degustación de productos de cooperativas galegas dirixida a importadores e cooperativistas, a cal foi patrocinada polo Consello Galego de Cooperativas.
|