vista_recinto.jpg
O lalinense Roberto Seijas, co cabalo Tiflis, gaña o Campionato Galego de Raid celebrado no marco dos I Xogos Ecuestres de Galicia
A Feira Internacional Semana Verde de Galicia, a cal se desenvolve dende o pasado xoves e ata mañá domingo, acolle estes Xogos, pioneiros tanto na Comunidade como en España

EN  ANDADURA GALEGA OS FERROLÁNS RAÚL RIESGO E MIGUEL ÁNGEL LÓPEZ GAÑARON AS PROBA DE DOUS E CATRO TEMPOS, RESPECTIVAMENTE, MENTRES QUE O LUCENSE VÍCTOR FERNÁNDEZ ACADOU O PRIMEIRO POSTO EN TROTÓNS

Silleda, 12 de xuño de 2010.-
O lalinense Roberto Seijas, co cabalo Tiflis, gañou o Campionato Galego de Raid, celebrado hoxe no marco dos I Xogos Ecuestres de Galicia, os cales teñen lugar dende onte e ata mañá no marco da 33ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia. O segundo posto foi para Francisco Fernández Piñeiro, que competiu con Ara.

Nas probas de Andadura Galega puntuables para o Campionato de Galicia, o ferrolán Raúl Riesgo, con Heidi, acadou o primeiro posto na proba de dous tempos, sendo o segundo lugar para o tamén ferrolán Andrés Santalla, con Peter, e o terceiro para o melidense Francisco Porto, con Lóstrego.

Na proba libre de trotóns de 4 tempos os tres primeiros postos foron, respectivamente, para os ferroláns, Miguel Ángel López, con Madrileño; Miguel Romero, con Carolina; e Alejandro Suárez, con Ruso. En canto á proba de Trotóns, o gañador foi o lucense (de Ferreira de Valadouro) Víctor  Fernández, con Clifort; mentres que co segundo e terceiro posto fixéronse os ferroláns Rafael Bouza, con Muñeco, e Cristian Martínez, con Limusina.

Evento pioneiro
Nos I Xogos Ecuestres de Galicia, evento pioneiro tanto na Comunidade como a nivel nacional por agrupar tantas disciplinas e modalidades hípicas, participarán ao longo de todas as xornadas un total de 300 cabalos de competición procedentes de distintos puntos de España.

Salto, doma clásica, raid, andadura galega e horseball (baloncesto a cabalo) son as disciplinas e modalidades nas que se celebran competicións oficiais. De doma vaqueira e enganche realízanse demostracións.

O acceso a todas as probas, campionatos e exhibicións é gratuito, ao non cobrarse nesta edición a entrada á Semana Verde de Galicia.
 
___________________________________________________________________________________
               

                     
___________________________________________________________________________________