publico.jpg
O xinete ferrolán Joaquín Poves Gil gaña coa egua Jana o Gran Premio do Concurso Nacional de Saltos celebrado en Semana Verde
Nesta proba na que resultou gañador participaron 16 xinetes con 21 cabalos, mentres que no conxunto do Concurso fixérono 80 xinetes e 107 cabalos

•    SEGUNDO POSTO TAMÉN FOI PARA POVES, CON ENNYA DE VALL, MENTRES QUE O TERCEIRO FOI PARA O ASTURIANO ANTONIO HONRUBIA GONZÁLEZ, CON OSLO W

•    NO TORNEO GALEGO DE SELECCIÓNS DE HORSEBALL RESULTOU VENCEDORA  A SELECCIÓN SUR (6-3) EN FEMININO E A NORTE (5-4) MASCULINO

Silleda, 13 de xuño de 2010.-
O xinete ferrolán Joaquín Poves Gil gañou na xornada de onte coa súa egua Jana o Gran Premio do Concurso Nacional de Saltos categoría  unha estrela  celebrado nos I Xogos Ecuestres de Galicia, os cales teñen lugar no marco da 33ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, a cal pecha hoxe as súas portas.

Poves, que se alzou campión cun tempo de 41,66 segundos, conseguiu tamén a segunda posición, neste caso con Ennya de Val e un tempo de 41,78 segundos. O terceiro posto foi para o asturiano Antonio Honrubia González con Oslo W e un tempo de 42,70 segundos.
Nesta proba participaron un total de 16 xinetes con 21 cabalos,  mentres que no conxunto do Concurso fixérono 80 xinetes e 107 cabalos.

Nesta competición, cuxo obxectivo é que o cabalo realice un percorrido con obstáculos variados sen cometer ningún fallo e no que se pon a proba tanto a obediencia do cabalo e as súas aptitudes como atleta como a capacidade  do xinete para axudalo sen interferir no salto, participaron un importante número de xinetes para preparar o campionato de España de Xuvenís e Novos Xinetes.

Horseball
No Torneo Galego de Seleccións de Horseball resulto vencedora a Selección Sur en feminino, cun resultado de 6 a 3, mentres que en masculino a gañadora foi a Selección Norte, cun resultado de 5 a 4. Todos os participantes nesta competición pertencen aos diversos equipos que participan na liga Galega de Hoseball

Os I Xogos Ecuestres de Galicia son pioneiros tanto na Comunidade como en España, xa que é a primeira vez que se reúnen nun evento tantas disciplinas e modalidades hípicas.En salto, doma clásica, raid, andadura galega e horseball (baloncesto a cabalo) acollen competicións oficiais desde o pasado xoves e ata hoxe, mentres que en doma vaqueira e enganche realízanse  exhibicións.
 
___________________________________________________________________________________
               

                     
___________________________________________________________________________________