panoramica.jpg
Os I Xogos Ecuestres de Galicia celebraranse do 11 a 13 de xuño no marco da 33ª Feira Internacional Semana Verde

 

Este evento hípico é pioneiro en Galicia e en España, xa que é a primeira vez que se agrupan nun mesmo lugar cinco disciplinas distintas

SALTO, DOMA CLÁSICA, RAID, ANDADURA GALEGA E HORSEBALL SERÁN AS MODALIDADES EN QUE SE CELEBRARÁN COMPETICIÓNS, ALGUNHAS AUTONÓMICAS E OUTRAS GALEGAS

Silleda, 26 de abril de 2010.- O recinto Feira Internacional de Galicia acollerá do 11 ao 13 de xuño os I Xogos Ecuestres de Galicia, os cales agrupan cinco disciplinas hípicas. Salto de obstáculos, doma clásica, raid (marchas reguladas), andadura galega e horseball (baloncesto a cabalo) serán as modalidades nas que se celebren as competicións.

Os Xogos, organizados por esta entidade feiral co respaldo das Federacións Hípica Española  e Galega, son pioneiros tanto en Galicia como a nivel nacional, xa que é a primeira vez que se agrupan nun mesmo evento tantas disciplinas hípicas.

A 33ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que se celebrará do 10 ao 13 de xuño convertida nun certame multisectorial cun alto compoñente de lecer e unha asistencia próxima aos 60.000 visitantes, será o marco no que se celebren estes I Xogos Ecuestres de Galicia.

Concursos nacionais e galegos

Os participantes nestes primeiros Xogos competirán en probas de concursos nacionais ou autonómicos, en función da modalidade á que pertenzan. En Salto de Obstáculos celebrarase o Concurso Nacional, de tres días de duración, aberto a participantes estranxeiros e con cinco probas diarias.

Os participantes en Doma Clásica competirán en tres concursos, o Nacional de Menores, puntuable para o Campionato Galego e Campionato de España de Menores; o Concurso Nacional, categoría 1 estrela, puntuable para o Campionato Galego; e o Concurso Paraecuestre de Doma Nacional. Este último, que se celebrará por primeira vez en Galicia e por segunda vez a nivel nacional, destaca por ser unha competición complexa dada a notoria discapacidade dos xinetes participantes.

Tanto o Concurso Nacional de Menores como o Concurso Nacional serán puntuables para a 2ª Copa Astur-Galaica de Doma Clásica.

As competicións de Raid (marchas reguladas), celebraranse o sábado día 12, figurando entre elas o Campionato Galego de Raid e a Proba Nacional de Raid, ambas de categoría 1 estrela.

A Andadura Galega ou ambladura estruturarase en tres probas puntuables para a final do Campionato Galego: Dous tempos, catro tempos e trotones. Esta actividade ecuestre, realizada unicamente en Galicia, foi recuperada pola Federación Hípica Galega fai dez anos e integrada nas súas competicións.

O Horseball ou baloncesto a cabalo completa as disciplinas dos Xogos. Aires de salto, volteo e doma clásica poderanse ver neste deporte hípico por equipos masculinos, femininos e mixtos con gran número de seguidores.

Esta combinación de disciplinas e competicións tanto a nivel  autonómico como nacional converterán aos I Xogos Ecuestres de Galicia nun referente, con gran atractivo tanto para profesionais como para afeccionados ao mundo ecuestre. A iso contribuirá tamén a celebración paralela doutras actividades hípicas, como unha exhibición de doma de alta escola de cabalos de pura raza galega.

+ info 

 
___________________________________________________________________________________
               

                     
___________________________________________________________________________________