publico.jpg
As actividades caninas da 33ª Semana Verde de Galicia reunirán en exhibicións e campionatos a 80 cans de competición de 21 razas
Terán lugar do venres 11 ao domingo 13 de xuño

•    DESTACARÁN NO PROGRAMA AS DEMOSTRACIÓNS DE CANICROSS (CARREIRA DE FONDO CON CAN) E DE MUSHING (TRICICLOS TIRADOS POR CANS NÓRDICOS) E AS COMPETICIÓNS DE AGILITY

•    OS ANIMAIS PARTICIPANTES SERÁN ORIXINARIOS TANTO DE DIVERSOS PUNTOS DE GALICIA COMO DE ESPAÑA

Silleda, 21 de maio de 2010.- Un total de 80 cans de 21 razas recoñecidas pola Federación Canina Internacional participarán nas actividades caninas da 33ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 10 ao 13 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia.

Nestas actividades poderanse ver, entre outros, exemplares de pastor alemán e belga, bulldog francés, spitz enano, sharpei, lhasa apso, labrador, golden, can de augas español, fox terrier, cocker spaniel, yorkshire, bobtail, dogo de burdeos, siberian husky e diversas variedades de collies e sabuesos. Serán orixinarios tanto de distintos puntos de Galicia como de España.

As competicións de Agility (axilidade canina), nas que participarán sobre 50 animais, estarán entre as máis vistosas, celebrándose probas oficiais desta modalidade puntuables para o Campionato de España de Agility 2010. Así mesmo, a 33ª Semana Verde acollerá o XI Campionato de Galicia de Agility sobre dúas mangas (agility e jumping) e o IV Campionato de Agility do Collie Club de España.  

Éxito asegurado entre o numeroso público que acude á feira teñen as exhibicións, entre as que destacan as de Canicross (carreira de fondo con cans), realizada pola Asociación de Cans Deportistas (Acade), e as de Mushing (triciclos tirados por cans nórdicos), realizada pola Asociación Galega de Cans de Tiro de Trineo (Agacet). Nelas participarán ao redor de 30 exemplares caninos.

Estas actividades, ás que se sumarán outras demostracións, celebraranse do venres 11 ao domingo 13 de xuño.
 
___________________________________________________________________________________
               

                     
___________________________________________________________________________________