|
|
|
En Galicia hai rexistrados 334 cans de palleiro, unha raza autóctona en perigo de extinción |
A 33ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia acollerá o domingo 13 de xuño o monográfico anual da raza, no que se falará da súa evolución e do seu emprego en terapias contra o alzheimer
O LABOR DE RECUPERACIÓN DO CLUBE CAN DE PALLEIRO E A CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL FIXO QUE O NÚMERO DE EXEMPLARES AUMENTARA UN 80% NOS ÚLTIMOS 17 MESES
Silleda, 4 de xuño de 2010.- En Galicia hai rexistrados 334 cans de palleiro, segundo fontes consultadas pola 33ª Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 10 ao 13 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia. Esta cifra supón un 80% máis que a finais de 2008, cando estaban rexistrados 185 exemplares desta raza autóctona galega en perigo de extinción.
Aínda que lonxe de chegar ao umbral de conservación da raza, ésta está a experimentar unha evolución continuada e constante, grazas ao labor de recuperación tanto do Clube Can de Palleiro como da Consellería do Medio Rural.
No marco da 33ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia esta raza canina estará presente en diversas actividades. Así, contará con varios exemplares no Mercado Tradicional Gandeiro que se recreará no certame e que se centrará na exposición e venta de 11 razas de gando autóctono bovino, ovinos, porcino, equino, e avícola, ademais desta canina.
Todos os exemplares presentes no Mercado Tradicional, realizado co apoio dos fondos Feader, pertencen a razas autóctonas en perigo de extinción, a excepción da rubia galega.
Por outra banda, no marco da feira tamén se levará a cabo o monográfico anual do Clube Can de Palleiro (domingo día 13), na que se informará aos socios de forma pormenorizada desta evolución da raza.
Terapias con enfermos de Alzheimer Por outra banda, durante o monográfico tamén se dará a coñecer un proxecto que se están empezando a desenvolver na nosa comunidade e que se centra en terapias con enfermos de Alzheimer nas que o Can de Palleiro ten un papel importante como elemento de recordo da súa infancia e xuventude.
|
___________________________________________________________________________________
|