COMUNICADO FEIRA ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA:   

A Feira Internacional de Galicia ABANCA vén de decidir que a 43ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos -Fecap Abanca, Salimat Abanca, Turexpo Galicia e Festur – previstos do 4 ao 7 de xuño, se trasladen ao vindeiro ano. Concretamente celebraranse entre o 3 e o 6 de xuño de 2021.

Esta decisión está motivada pola situación de alerta sanitaria xerada polo covid-19, que supón que non sexa convinte a súa celebración este ano por responsabilidade social e económica con todos os axentes que participan no certame, pero que servirá para centrar todos os esforzos en facer unha gran edición en 2021, un ano moi importante por ser Xacobeo e cumprirse o 25 aniversario do recinto, e tamén para continuar co importante crecemento das últimas edicións.

A análise da situación realizada pola entidade feiral, á que se sumou a opinión dunha ampla representación dos expositores confirmados, determinaron que o máis axeitado é non celebrar a feira en 2020 e preparar esta gran edición de 2021. A celebración da Semana Verde e os seus certames paralelos en xuño non é pertinente pola incerteza sobre a evolución a curto prazo da pandemia, pero levala a cabo noutras datas tampouco sería idóneo. Sendo unha feira cunha importante porcentaxe de expositores e actividades situados no exterior, non debería celebrarse máis tarde das primeiras semanas de outubro para minimizar o posible impacto negativo do clima. Pero moitas empresas non confían en que a evolución da pandemia poda facer que a sociedade recupere nesas datas a normalidade necesaria para celebrar un evento que contou con 128.000 visitantes en 2019, sendo previsible que os asistentes sexan nese momento remisos a acudir a un certame con este volume de visitantes. Así, consideran que a súa participación se vería comprometida e non tomarían en todo caso a decisión de participar ata o último momento, coas consecuencias que iso tería a nivel organizativo e económico para a feira.

Así mesmo, moitos dos expositores trasladaron á Feira Internacional de Galicia ABANCA a súa inquedanza pola súa situación futura a corto e medio prazo, debido ás diferentes medidas derivadas do Estado de Alarma e as consecuencias que estas lles están ocasionando a nivel económico e laboral. Unha situación pola que indican que non poden garantir a súa presencia na feira si se celebrase neste exercicio e que, de facelo, minimizarían considerablemente a súa inversión.

Ademais, esta feira conta cunhas datas moi específicas nun calendario cada vez máis concorrido, o cal tamén é un dos segredos do seu éxito. Neste sentido, o seu traslado a unhas datas que non son as súas suporía entrar en competencia con grandes feiras de alimentación, turismo e caza que ou ben se trasladaron xa ao último cuadrimestre do ano ou que xa ocupaban estas datas. Isto traería consigo unha perda adicional de expositores que teñen comprometida a súa participación noutro certame nesas datas ou que non poden asumir estar presentes en varios certames en tan pouco marxe de tempo por aspectos económicos, loxísticos ou organizativos.

Este cambio de datas suporía tamén dificultades de comercialización e de organización das bolsas de contratación dos salóns Turexpo Galicia e Salimat Abanca, as cales supoñen importantes ferramentas comerciais para abrir novos mercados tanto a nivel nacional como internacional.

location-icon

DIRECCIÓN
FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Avda. Recinto Ferial S/N
36540 Silleda – Pontevedra

email-icon

CONTACTO

semanaverde@feiragalicia.com

+34 986 577000