A Feira Internacional Semana Verde de Galicia revalida con creces o seu éxito de público superando os 100.000 visitantes da pasada edición

Os Encontros de Compradores de Salimat acolleron máis de 1.000 reunións de negocio entre expositores do salón e 28 importadores e distribuidores de alimentación de 14 países


• A SÚA AMPLA OFERTA EXPOSITIVA, O COMPLETO PROGRAMA CON MÁIS DE 70 ACTIVIDADES E A GRATUIDADE DA ENTRADA, FORON AS CLAVES PARA ESTE ÉXITO DE PÚBLICO
• NESTA CONVOCATORIA O CERTAME CONTOU CON 686 FIRMAS EXPOSITORAS, UN 16% MÁIS QUE EN 2010 

Silleda, 19 de xuño de 2011.- A Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que pecha hoxe as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia, revalida con creces o seu éxito de público superando nesta 34ª edición os 100.000 visitantes que acudiran a este certame na pasada convocatoria, un aumento da asistencia que xa se fixo patente dende o primeiro día.

Dende o pasado xoves e ata hoxe, un total de 686 firmas expositoras, un 16% máis que na pasada edición, das cales 540 foron expositores directos e 146 indirectos, estiveron presentes no certame. Procedentes de 17 países, ocuparon unha superficie de 56.450m² nos que destacaron as empresas de alimentación, xardinería, gandería autóctona, decoración, mobiliario, automoción, artesanía, mascotas, e venta directa de gran variedade de produtos e servizos

A esta área expositiva sumouse un completo programa composto por máis de 70 actividades distintas. Unha combinación que unida á entrada gratuíta á feira, tivo como resultado o gran éxito de público desta edición, e que volveu converter á Semana Verde de Galicia na maior feira multisectorial de mostra e ocio de Galicia e nunha das maiores de España.

A feira foi inaugurada ás 13.00 horas do pasado xoves polo Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, quen destacou o seu valor como espazo para “establecer contactos comerciais” e subliñou que o seu cambio de rumbo supuxo “un gran éxito de público que repercutiu moi positivamente no volume de negocio xerado”. No acto estivo acompañado, entre outras autoridades, polo Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado.

28 importadores de 14 países
O 15º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat, que se celebrou de forma paralela á Semana Verde e que tivo carácter profesional durante os seus dous primeiros días, converteuse en punto de encontro do sector alimentario no noroeste peninsular, sendo o seu principal obxectivo prestar apoio ás empresas presentes na área expositiva tanto na xeración de negocio como na súa internacionalización.

Baixo esta formulación, o salón concedeu un papel protagonista aos Encontros de Compradores, os cales permitiron aos expositores do certame poñerse en contacto, a través de reunións axendadas previamente, con 26 importadores  e distribuidores de 12 países (Polonia, Dinamarca, Francia, Grecia, Estonia, Xapón, China, Estados Unidos, Brasil, Canadá, México e España) e con outros dous importadores de Australia e Portugal a través de encontros sin axenda previa pero concertados durante estes dous días. Así pois, foron un total de 28 compradores de 14 países os que coñeceron a oferta alimentaria galega durante estes dous días

Os Encontros Internacionais de Compradores, os cales se realizaron co apoio do Igape, conformaron unha inmellorable plataforma de comercio exterior que permitiu aos expositores abrir novos mercados e canles de comercialización para a súa carteira de produtos, mentres que os Encontros Nacionais déronlles a oportunidade de intensificar a súa presenza no mercado español.

Por outra banda, o Salón concedeu tamén unha gran importacia á calidade, potenciando os produtos que caracterizan a nosa produción alimentaria, e á innovación, con Alinova. Esta, que contou gran éxito entre os visitantes e os medios de comunicación, contou con 47 orixinais produtos lanzados ao mercado no último ano, entre eles sal de champagne, xeados ecolóxicos a base de leite de cabra, viño desalcoholizado cardioprotector, preparado de tortilla con grelos ou unha máquina para elaborar un mesmo ata 100 bebidas distintas.

 Máis de 70 actividades con gran participación
A gran diversidade da Semana Verde reflectiuse tanto na súa área expositiva como no seu completo e atractivo programa de actividades, formado por máis de 70 distintas, moitas delas celebradas por primeira vez na feira e incluso en Galicia.

Esta programación, que pon de relevo o importante compoñente lúdico do certame, incluíu diversas actividades relacionadas co gando frisón, como foi o XX Concurso Autonómico da Raza Frisona, no que Pozo Allen 5275 Mimosa, da gandería Casa Pozo de Lugo, acadou o título de Vaca Gran Campiona de Galicia. A este sumáronse a XVI Subasta Top Bos, a presentación dun grupo de proxenie de Xenética Fontao, o XXVII Concurso de Xóvenes Manexadores, no que gañou José Alberto Iglesias Vila, da gandería SAT Miñotelo de A Pastoriza; e o IV de Xóvenes Preparadores, no que o vendedor foi José María Pérez, da gandería Pérez SC de Palas de Rei.

O Mercado Tradicional Gandeiro da feira, realizado co apoio dos fondos Feader, albergou diversas actividades relacionadas coas razas autóctonas en perigo de extinción, acollendo exposicións comerciais de 10 razas bovinas, ovinas, caprinas, porcinas, equinas e avícolas, ademais de concursos morfolóxicos e exhibicións dalgunhas delas. Fóra do Mercado puidéronse ver outras mostras centradas na Rubia Galega, Boi Galego e Can de Palleiro.

O programa canino, no que participaron máis de 300 cans, foi un dos máis completos, con 15 actividades nas que figuraban que XXII Campionato de Agility de Galicia, probas oficiais clasificatorias para o Campionato de España, demostracións de Canicross (carreira de fondo con cans), Mushing (triciclos tirados por cans nórdicos), bikejoring (bicicletas tiradas por cans nórdicos), mondioring (obediencia, salto e defensa), trucos caninos, rescate, asistencia e de cans guía da ONCE. Ademais, celebrouse un curso de cronometradores e o X Concurso Nacional de Beleza Canina. Neste último gañaron, na categoría de adultos o pastor belga de Pontevedra, Fiann´s Noughats And Krosses; na de xóvenes, o bulldog francés de Lalín Diva Vodka De Petit Drac; e en cachorros o jack russell terrier de Ares Dulcinea de Gaspalleira.

Ás actividades caninas sumáronse as de mascotas e pequenos animais, as cales foron un concurso de mascotas sin pedigrí, exhibicións de obediencia e trucos con cans de fogar, unha exposición de acuriofilia e terrariofilia con máis de 500 peixes e 40 reptiles e aulas didácticas sobre estas afeccións e tamén sobre roedores, gatos e cachorros.

O Campionato Galego de Andadura e Trotóns, no que acadaron os primeiros postos tres ferroáns, unha competición de arrastre de pesos con cabalos, exhibicións de horseball (baloncesto a cabalo) e carruseles de xinetes, foron as actividades centradas no mundo equino, mentres que o da caza tamén foi o protagonista dunha exhibición de cans de mostra con caza sembrada e de dous simuladores, un de tiro a diana con raio láser e outro de caza con arco.

Relacionado co sector da xardinería o programa albergou unha exposición composta por medio centenar de bonsáis e de vistosos espazos axardinados con planta ornamental galega, demostracións de corte de céspede e de maquinaria para xardín e viveiros e unha xornada de xardinería para tempos de crise, na que os expertos presentes abogaron por criterios de sostenibilidade e eficiencia económica nas fases de deseño, execusión e mantementos das zonas verdes urbanas. Ademais, celebrouse unha xornada centrada en reflexións sobre o sector forestal galego no marco da cal se defendeu que o seu futuro para por unha “maior ordenación e xestión  do mesmo”

A cultura tivo o seu sitio no programa da Semana Verde cunha exposición etnográfica e a recreación de oficios tradicionais, mentres o ocio para os máis novos o tivo cun circuito de karts, un de actividades e deportes ao aire libre e unha área de ocio dixital que permitíu a 28 persoas xogar de forma simultánea aos últimos videoxogos.

En canto ao 15º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2011, levou a cabo unha decena de actividades. Aos Encontros Internacionais de Compradores e á área Alinova, sumouse a xornada “Oportunidades de colaboración para o impulso de proxectos de I+D+I no cooperativismo galego”, na que se presentou o proxecto I+Coopera, e as degustacións organizadas polo Consello Galego de Cooperativas e pola Consellería do Mar en colaboración coa Consellería do Medio Rural. Dentro destas últimas realizáronse maridaxes dos viños das denominacións de orixe galegas con produtos de calidade da comunidade.

Ademais, leváronse a cabo unha maridaxe de produtos gourmet a cargo do prestixioso restaurador Pepe Solla, catas de aceite e de conservas nas que participaron 200 escolares, firmas de convenios e demostracións de cociña realizadas por Benigno Campos, cociñeiro do programa “Larpeiros”.

+ info:

 

Calendario de Feiras

Semana Verde 2012
35 Feira Internacional Semana
Verde de Galicia

14 - 17 xuño 2012
Salimat 2012
16 Salón de Alimentación do Atlántico
14 - 17 xuño 2012
Galiforest 2012
II Monográfico Forestal Internacional
para o sur de Europa

28 - 30 xuño 2012

GandAgro 2012
II Monográfico da Gandería e a Agricultura
8 - 10  marzo 2012

Feira Internacional de Galicia poderá introducir modificacións ao programa feiral contido neste calendario.
Chamar ao 986 577000 para confirmar datas.

Feiras recentes

 

Turexpo Galicia 2011
II Salón Turístico de Galicia
25 - 27 marzo 2011

Cimag 2011
V Certame da Maquinaria de Forraxe
3 - 5 febreiro 2011
Semana Verde 2011
34 Feira Internacional Semana
Verde de Galicia

16 - 19 xuño 2011
Salimat 2011
15 Salón de Alimentación do Atlántico
16 - 19 xuño 2011
 
I Xogos Ecuestres de Galicia 2010
11 - 13 xuño 2011
Galiforest 2010
Monográfico Forestal Internacional
para o sur de Europa

24 - 26 xuño 2010

GandAgro 2010
Monográfico da Gandería e a Agricultura
4 - 6  marzo 2010


© 2012 Feira Internacional de Galicia - Avda. Recinto Feiral S/N
36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com