150 profesionais da hostalería, venta delicatessen, carnicería e turismo acudiron á Presentación de Produtos Gastronómicos das Razas Autóctonas en Perigo de Extinción

A xornada, coorganizada pola Consellería do Medio Rural  e a Fundación Semana Verde de Galicia, tivo lugar no recinto Feira Internacional de Galicia


  • CONTOU COA PRESENZA DO CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL, ACOMPAÑADO DO DELEGADO DA XUNTA EN PONTEVEDRA E DOS DIRECTORES XERAIS DE PRODUCIÓN AGROPECUARIA, DE DESENVOLVEMENTO RURAL, E DE INNOVACIÓN E INDUSTRIAS AGRARIAS E FORESTAIS
  • CONFORMARON O EVENTO DIVERSAS XORNADAS TÉCNICAS, A PRESENTACIÓN DUN NOVO SALCHICHÓN DE POLDRO E PORCO CELTA E UNHA COMPLETA DEGUSTACIÓN DE PRATOS ELABORADOS CON ESTAS RAZAS

Un total de 150 profesionais vencellados cos sectores da hostalería, carnicería, venta delicatessen e turismo, participaron o pasado 3 de novembro na Presentación de Produtos Gastronómicos Derivados das Razas Autóctonas de Galicia en Perigo de Extinción, a cal tivo lugar no Auditorio do recinto Feira Internacional de Galicia. Entre estes asistentes puidéronse ver prestixiosos restauradores da cociña galega, que acudiron a un evento no que por primeira vez se acollía de forma conxunta a todas estas razas.

Coorganizado pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, o acto tiña como obxectivo dar a coñecer estes produtos, promocionar o seu consumo e impulsar a súa comercialización.

A presentación contou coa presenza do Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, quen estivo acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e dos directores xerais de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo; de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon; e de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo. O sudirector xeral de Gandería, Manuel Castro-Gil; a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena; a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Patricia Cuevas; e a directora da Fundación Semana Verde de Galicia, Paloma Hidalgo, tamén participaron no evento.

Cunha orientación exclusivamente profesional e alto compoñente técnico, acolleu varias xornadas técnicas que comezaron coa presentación das características morfolóxicas e cárnicas das diversas razas autóctonas galegas en risco de desaparición. Esta exposición estivo dirixida polo director da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), José Ramón Justo Feijóo, quen destacou que para que haxa demanda destes produtos primeiro deben darse a coñecer.

As novas orientacións no comercio minorista de carnes foi outro dos temas tratados durante o evento. Constantino Bragado, mestre carniceiro do Centro Tecnolóxico da Carne, foi o encargado de expoñelo aos asistentes, aos que insistiu na necesidade de adaptarse aos novos tempos e de buscar a profesionalización, tanto de gandeiros como de transformadores industriais e persoal de despacho.

Tamén do Centro Tecnolóxico da Carne participaron como poñentes Daniel Franco, responsable do Laboratorio  Físico-Químico, e José Manuel Lorenzo, responsable do Laboratorio de Cromotografía, quenes falaron das calidade da canal e carne das razas autóctonas galegas e os aspectos prácticos para unha correcta maduración e conservación. Ao remate da súa intervención levaron a cabo entre os asistentes unha cata de lomo de poldro para testar a aceptación deste produto entre os consumidores.

Por outra banda, no transcurso do evento tivo lugar a presentación dun novo salchichón elaborado con carne magra de poldro e touciño de porco celta. A cooperativa galega Monte Cabalar foi a encargada de dar a coñecer este embutido, que os asistentes puideron probar e do que se  destacou a pouca cantidade de graxa, a súa riqueza en omega 3 e tamén o seu suave sabor a caza.

11 pratos con razas autóctonas

Unha parte importante do evento estivo protagonizada por unha completa degustación de pratos elaborados con estas razas galegas en risco de desaparición, preparados por alumnos do CFIP Compostela coa dirección do profesor Rafael Brantuas. Foron un total de 11 nos que se incluiron sopa de Galiña de Mos con castañas asadas, Galo de Mos en escabeche con follas frescas, tirabuzóns de presa de Porco Celta con mollo de boletos, Cordeiro de Ovella galega con mollo de améndoas, cabrito de Cabra Galega á cazadora con ceboliñas, poldro de Cabalo Galego ao viño de mencía, roastbeef de tenreira Cachena, tacos ao allo de tenreira Caldelá, tenreira Frieiresa ao caldeiro, carbonada de tenreira Limiá e carpaccio de tenreira Vianesa.

De forma paralela a estas degustacións, xornadas e presentacións, o acto contou cunha exposición de varios exemplares destas razas autóctonas no exterior do Auditorio do recinto Feira Internacional de Galicia.

Boaga, Asoporcel (Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta), Puraga (Asociación de Criadores de Caballo de Pura Raza Gallega) e o CFIP Compostela foron as entidades que colaboran na organización do evento, o cal contou con apoio dos fondos Feader para o seu desenvolvemento.

+ info:

 

Calendario de Feiras

Semana Verde 2012
35 Feira Internacional Semana
Verde de Galicia

14 - 17 xuño 2012
Salimat 2012
16 Salón de Alimentación do Atlántico
14 - 17 xuño 2012
Galiforest 2012
II Monográfico Forestal Internacional
para o sur de Europa

28 - 30 xuño 2012

GandAgro 2012
II Monográfico da Gandería e a Agricultura
8 - 10  marzo 2012

Feira Internacional de Galicia poderá introducir modificacións ao programa feiral contido neste calendario.
Chamar ao 986 577000 para confirmar datas.

Feiras recentes

 

Turexpo Galicia 2011
II Salón Turístico de Galicia
25 - 27 marzo 2011

Cimag 2011
V Certame da Maquinaria de Forraxe
3 - 5 febreiro 2011
Semana Verde 2011
34 Feira Internacional Semana
Verde de Galicia

16 - 19 xuño 2011
Salimat 2011
15 Salón de Alimentación do Atlántico
16 - 19 xuño 2011
 
I Xogos Ecuestres de Galicia 2010
11 - 13 xuño 2011
Galiforest 2010
Monográfico Forestal Internacional
para o sur de Europa

24 - 26 xuño 2010

GandAgro 2010
Monográfico da Gandería e a Agricultura
4 - 6  marzo 2010


© 2012 Feira Internacional de Galicia - Avda. Recinto Feiral S/N
36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com