>>> fotografías da feira
Os Encontros Internacionais de Compradores de Salimat acolleron 1.600 reunións de negocio entre expositores do salón e 28 importadores e distribuidores de 17 países

•    A AMPLÍSIMA OFERTA EXPOSITIVA E DE OCIO, CUN PROGRAMA DE 50 ACTIVIDADES, UNIDO Á ENTRADA GRATUITA Á FEIRA, INCREMENTOU CONSIDERABLEMENTE O NÚMERO DE VISITANTES RESPECTO A ANTERIORES EDICIÓNS

•    O CERTAME PECHOUSE COA ACTUACIÓN DA GAITEIRA SUSANA SEIVANE

Silleda, 13 de xuño de 2010.-
A 33ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia pecha hoxe as súas portas nos recinto Feira Internacional de Galicia despois de catro días de intensa actividade e unha enorme afluencia de público, a cal se dará a coñecer xunto cos datos de peche do certame nos próximos días.  

Dende o pasado xoves e ata hoxe, un total de 589 firmas expositoras (442 expositores directos e 147 indirectos) de 15 países ocuparon unha superficie de 55.800 m² nun certame que foi inaugurado polo Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, e que tamén contou durante os seus días de celebración coa visita doutras autoridades, entre elas o Conselleiro de Presidencia e Presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, Alfonso Rueda; a Conselleira do Mar, Rosa Quintana; o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete; e o Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Nesta convocatoria ás áreas xa tradicionais como os produtos alimentarios e a gastronomía, a gandería autóctona e a xardinaría, uníronse os automóbiles e a decoración, estando tamén presente con máis forza o mundo ecuestre. Unha amplísima oferta expositiva que unida ao completo e variado programa de actividades para todos os públicos que se levou a cabo, convertiu á 33ª Semana Verde na maior feira multisectorial de mostrar e ocio do noroeste peninsular.

Ás novidades expositivas e de ocio engadiuse outra de gran transcendencia para os visitantes, a gratuidade da feira por primeira vez nos últimos 25 anos, coa finalidade de facilitar a asistencia a todos ante a actual situación de crise. Todo elo incrementou considerablemente o número de visitantes con respecto a anteriores edicións.

O certame pechouse coa actuación da gaiteira Susana Seivane, quen, nun concerto incluido no programa que está realizando o Xacobeo neste Ano Santo, presentou o seu disco “Os soños que volven”. Previamente ao concerto animouse a xornada cun pasarúas de música tradicional e unha actuación teatral de Rodesindo de Barrosa.

1.600 reunións de negocio en Salimat
O 14º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2010, que se celebrou de forma paralela á Semana Verde e que tivo carácter profesional durante os seus dous primeiros días, converteuse en punto de encontro do sector alimentario no noroeste peninsular, sendo o seu principal obxectivo prestar apoio ás empresas presentes na área expositiva tanto na xeración de negocio como na súa internacionalización.

Baixo esta formulación, concedeuse un papel protagonista aos Encontros Internacionais de Compradores, nos que se celebraron 1.600 reunións de negocio entre expositores do salón e 28 importadores e distribuidores de 17 países: Alemaña, Arxentina, Brasil, China, Dinamarca, Estados Unidos, Emiratos Árabes, Irlanda, Xapón, Letonia, Lituania, México, Chile, Polonia, Portugal, Reino Unido e España. Constituiu así unha inmellorable plataforma de comercio exterior que permitiu aos expositores abrir novos mercados e canles de comercialización para a súa carteira de produtos.

Alinova, un área específica de novos produtos lanzados ao mercado no último ano, foi un dos espazos máis atractivos do salón. Nela estiveron presentes 60 innovacións alimentarias, entre elas chocolate ecolóxico con chile ou xenxibre, un branco de verán, queixo con trufa negra á pementa ou aceite de oliva virxe procedente de oliveiras autóctonas.

As catas destacaron dentro de Salimat, celebrándose varias de aceite e unha de leite. Nesta última, dirixida pola directora da Escuela Española de Cata, Carmen Garrobo, constatouse que o mellor valorado polos consumidores é o leite fresco, mentre que o peor considerado é o de marca branca.

Neste certame profesional tamén se deron a coñecer, a través dunha xornada organizada polo Consello Galego de Cooperativas, as tres liñas de axuda da Consellería de Traballo e Benestar para o cooperativismo en Galicia, as cales se publicarán de xeito oficial en poucos días. O subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social desta Consellería, Xoán Manuel Concheiro, foi o encargado de presentalas, destacando dentro da dirixida aos concellos e outras entidades locais, as subvencións para a creación de Oficinas de Fomento Cooperativo.

Por outra banda, Salimat, acolleu dúas demostracións de Benigno Campos, cociñeiro do programa “Larpeiros” da TVG, as cales contaron con numeroso público. Na primeira delas cociñou coello e tarta de requeixo, mentres que na segunda preparou xarrete estofado e requeixo con mel, sendo degustados estes pratos por 6 visitantes do salón que resultaron gañadores nun sorteo para converterse en “larpeiros” e acompañar ao cociñeiro á mesa.

50 actividades
Ademais das de Salimat, a Semana Verde contou con moitas outras actividades, conformando un completo programa de 50 distintas, moitas delas celebradas por primeira vez.

Nesta programación, que pon de relevo o importante compoñente lúdico da feira, destacaron os I Xogos Ecuestres de Galicia, un evento pioneiro tanto na Comunidade como en España que acolleu probas, campionatos e exhibicións de 7 disciplinas e modalidades distintas: Salto, Doma Clásica, Raid, Andadura Galega, Horseball, Enganche e Doma Vaqueira, ás que se uniron unha demostración de Doma de Alta Escola con cabalos de pura raza galega e unha escola infantil con ponis e bautismo hípico.

No Concurso Nacional de Salto o Gran Premio foi para o xinete ferrolán Joaquín Poves Gil e a súa egua Jana, mentres que o gañador do Campionato Galego  de Raid foi o lalinense Roberto Seijas, con Tiflis. En canto ás probas de Andadura Galega puntuables para o Campionato de Galicia, o ferrolán Raúl Riesgo, con Heidi, acadou o primeiro posto na proba de dous tempos, sendo o gañador da de catro tempos o ferrolán Miguel Ángel López, con Madrileño, e da de trotóns o lucense Víctor  Fernández, con Clifort.

No Torneo Galego de Seleccións de Horseball, na categoría feminina resultou vencedora a Selección Sur (6-3), mentres que na masculina a gañadora foi a Selección Norte (5-4). No Concurso Nacional de Doma Clásica o vencedor da proba de máximo nivel, a San Jorge, fue Juan Jesús Balay García co cabalo Ronaldo, do clube hípico Pinteño, de A Coruña.

De gran vistosidade foi tamén a recreación dun Mercado Tradicional Gandeiro, a cal acolleu 13 exposicións orientadas á venda de 11 razas de gando autóctono (a maioría en perigo de extinción) bovino, porcino, ovino, equino, canino e avícola, as cales sumaron 1.600 exemplares.

No marco deste Mercado levouse a cabo o monográfico anual do Can de Palleiro, ao tempo que a Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asovega) presentou os resultados dun estudo sobre a carne dos cordeiros desta raza, na cal se deu a coñecer que é rica en Omega 3 e 6 e en proteínas de alta calidade, caracterizándose tamén pola súa xugosidade e tenrura.  Así mesmo, tamén tiveron lugar exhibicións de enganche ao xugo e paseos con carros, co boi rubio galego como protagonista.

En canto á área de xardinería, levouse a cabo o III Congreso Galego do Bonsái, no marco do cal tivo lugar unha mostra de 50 bonsáis das mellores coleccións de Galicia, sendo premiado como “mellor árbore da exposición” un  arce buergerianum  do padronés Luís Baliño. Tamén se realizaron diversas actividades, como demostracións e talleres para adultos e nenos.

Polo que se refire á área canina, celebráronse as probas oficiais de agility puntuables para o Campionato de España 2010, o IV Campionato de Agility do Collie Club de España e o XI Campionato de Galicia de Agility, ademais de exhibicións de canicross (carreira de fondo con cans), mushing (triciclos tirados por cans) e educación e obediencia canina.

+ info
>>> fotografías da feira

 

 

Calendario de Feiras

Semana Verde 2012
35 Feira Internacional Semana
Verde de Galicia

14 - 17 xuño 2012
Salimat 2012
16 Salón de Alimentación do Atlántico
14 - 17 xuño 2012
Galiforest 2012
II Monográfico Forestal Internacional
para o sur de Europa

28 - 30 xuño 2012

GandAgro 2012
II Monográfico da Gandería e a Agricultura
8 - 10  marzo 2012

Feira Internacional de Galicia poderá introducir modificacións ao programa feiral contido neste calendario.
Chamar ao 986 577000 para confirmar datas.

Feiras recentes

 

Turexpo Galicia 2011
II Salón Turístico de Galicia
25 - 27 marzo 2011

Cimag 2011
V Certame da Maquinaria de Forraxe
3 - 5 febreiro 2011
Semana Verde 2011
34 Feira Internacional Semana
Verde de Galicia

16 - 19 xuño 2011
Salimat 2011
15 Salón de Alimentación do Atlántico
16 - 19 xuño 2011
 
I Xogos Ecuestres de Galicia 2010
11 - 13 xuño 2011
Galiforest 2010
Monográfico Forestal Internacional
para o sur de Europa

24 - 26 xuño 2010

GandAgro 2010
Monográfico da Gandería e a Agricultura
4 - 6  marzo 2010


© 2011 Feira Internacional de Galicia - Avda. Recinto Feiral S/N
36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com