A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrará do 2 ao 5 de xuño a súa 44ª edición, que xa se está promocionando

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • A SÚA EDICIÓN ESPECIAL 2021, QUE SE LEVOU A CABO A PRINCIPIOS DESTE MES DE SETEMBRO, SUPEROU EXPECTATIVAS E SUPUXO UN PASO ADIANTE PARA RECUPERAR EN 2022 AS CONDICIÓNS QUE A TEÑEN CONVERTIDO NUNHA CITA DE REFERENCIA
  • O CERTAME ESTASE DIFUNDINDO ESTES DÍAS NO EVENTO AGRO, O CAL TEN LUGAR DENDE HOXE ATA O VINDEIRO DOMINGO EN BRAGA (PORTUGAL)
    Silleda, 16 de setembro de 2021.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrará a súa 44ª edición do 2 ao 5 de xuño de 2022.

O certame levou a cabo a principios deste mes de setembro unha edición especial 2021, a cal superou as expectativas tanto da organización como da inmensa maioría de expositores, recibindo a preto de 57.000 persoas durante os seus tres días. Unha feira segura que contou con 389 expositores, unha superficie neta de 8.595 metros cadrados e 130 actividades, conformando unha interesante proposta coa que deu un paso adiante para recuperar en 2022 as condicións que a teñen levado a converterse nunha cita de referencia.

A entidade feiral comezou xa a traballar nesta 44ª edición, a cal conxugará de novo negocio e entretemento nunha fórmula que o público apoia ano tras ano pola súa diversidade e atractivo, e que volverá contar de forma paralela co XXV Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca; o XI Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e a VIII Feira de Festas de Interese Turístico, Festur, e tamén a VIII Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca.

Presenza en Agro

Neste labor que está a realizar o equipo da Fundación Semana Verde de Galicia para esta nova cita, o certame conta cun stand na 53ª Feira Internacional de Agricultura, Pecuária e Alimentação, Agro, a cal se celebra desde hoxe ata o vindeiro domingo no Altice Forum de Braga (Portugal).

Esta participación, enmarcada nun convenio de colaboración entre a Fundación Semana Verde e InvestBraga, promotora do evento, pretende dar a coñecer no país veciño a 44ª edición da feira.

Así, ademais desta presenza con stand, tamén se realizarán visitas a moitos dos expositores do certame portugués para darlles a coñecer as vantaxes de formar parte da próxima convocatoria de Abanca Semana Verde.