A feira Abanca Semana Verde sorprenderá ao público cun gran espectáculo de trial

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • OS PILOTOS JORDI PASCUET E MARCEL JUSTRIBÓ, CON TÍTULOS TANTO NACIONAIS COMO INTERNACIONAIS E VARIOS RÉCORDS GUINNESS, REALIZARÁN MULTITUDE DE DIVERTIDAS E ARRISCADAS ACROBACIAS
  • O PROGRAMA INCLUIRÁ UN TOTAL DE CATRO PASES DURANTE A FIN DE SEMANA DO CERTAME, OS DÍAS 4 E 5 DE XUÑO

A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal terá lugar do 2 ao 5 de xuño, volverá sorprender aos visitantes cun atractivo espectáculo de motor.

Nesta ocasión o programa incluirá un show de trial a cargo dos pilotos Jordi  Pascuet e Marcel  Justribó, quen manexará senllas motos da marca francesa  Sherco.

Este espectáculo para todos os públicos incluirá multitude de divertidas e arriscadas acrobacias, como cabaliños, invertidos, subida de escaleiras e ramplas ou superación de distintos obstáculos.

O show estará acompañado de música e dun  speaker que explicará en todo momento as acrobacias que se realizarán durante as actuacións. Incluirá ademais números nos que os pilotos pedirán a participación do público presente.

Realizaranse catro pases desta actividade, os cales terán lugar o sábado 4 e o domingo 5 de xuño ás 13.00h e ás 18.00h nunha das zonas exteriores do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Experiencia e récords Guinness

Os dous pilotos que protagonizarán este espectáculo contan con máis de 15 anos de experiencia neste tipo de exhibicións e teñen levado a cabo preto de 500 exhibicións.

Jordi  Pascuet e Marcel Justribó suman varios títulos nacionais e internacionais. Posúen ademais varios récords  Guinness, como o de salto de altura en moto de trial con 4,50 m en 2002 por parte de  Pascuet e tamén subida de parede vertical en moto de trial con 3,21 m en 2009, compartido por ambos pilotos.

Con todo isto, a espectacularidade do show que realizarán na 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia está asegurada.