A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia prepara xa a súa 45ª edición para volver sorprender do 8 ao 11 de xuño

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • A SÚA ÚLTIMA CITA LOGROU RÉCORD DE EXPOSITORES E SUPERFICIE NOS SEUS SALÓNS DE ALIMENTACIÓN E TURISMO, MENTRES QUE A AFLUENCIA SE APROXIMOU AOS 100.000 VISITANTES E A SATISFACCIÓN DOS PARTICIPANTES FOI XERALIZADA
  • O EQUIPO DO CERTAME ESTÁ INMERSO NA SÚA ORGANIZACIÓN

Silleda, 5 de setembro de 2022.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia xa fixou as súas datas para 2023.

Así, do 8 ao 11 de xuño celebrará a súa 45ª edición, converténdose de novo no gran certame multisectorial de comercio e lecer do noroeste peninsular. Unha posición que segue a consolidarse con resultados como os da súa pasada edición, cando alcanzou cifras récord de expositores e superficie nos seus salóns de turismo e alimentación, celebrou 200 actividades con gran atractivo e volveu rexistrar unha afluencia extraordinaria ao achegarse aos 100.000 visitantes.

Co obxectivo de continuar con esta excelente progresión e volver sorprender tanto a expositores como a público, a entidade feiral xa está a traballar nesta edición, a cal conxugará de novo negocio e entretemento, ademais de caracterizarse unha vez máis pola súa diversidade.

Para iso, volverá contar de forma paralela co XXVI Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca; o XII Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, a IX Feira de Festas de Interese Turístico, Festur, e tamén a IX Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca.

Excelentes expectativas

 Para esta nova cita o equipo do certame non soamente está avalado pola traxectoria de Abanca Semana Verde e as cifras do pasado mes de xuño, senón que tamén contan co respaldo dos seus expositores, os cales valoraron moi positivamente a última convocatoria e mostráronse moi satisfeitos.

Tanto é así que a inmensa maioría deles confirmaron que participarán en 2023 e nalgúns casos nos que estiveron presentes de forma agrupada, mesmo indicaron que o farán individualmente.