As xestións comerciais da feira Abanca Semana Verde apuntan a cifras récord na súa 44ª edición, que será do 2 ao 5 de xuño

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • SE BEN SE ESTÁN REALIZANDO AÍNDA CONTACTOS E DEBEN PECHARSE CONTRATOS NOS VINDEIROS DÍAS, AS EXPECTATIVAS PARA A SÚA ÁREA EXPOSITIVA SON EXCEPCIONAIS
  • O SEU PROGRAMA TAMÉN VOLVERÁ A CARACTERIZARSE POLA  GRAN CANTIDADE DE PROPOSTAS E A DIVERSIDADE

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia ultiman a súa 44ª edición, a cal regresa ás súas datas habituais tras a súa convocatoria especial de setembro do ano pasado. Así, do 2 ao 5 de xuño volverá converterse de novo no gran certame de mostras e lecer do noroeste peninsular.

Para esta nova cita a Fundación Semana Verde de Galicia está inmersa na organización da súa área expositiva e a dos seus certames paralelos, o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca); o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia); a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap Abanca). Así, estes días o equipo da feira está a realizar aínda contactos e deben pecharse contratos nos próximos días, pero as expectativas para a exposición son  excepcionais e as xestións comerciais do certame apuntan a cifras récord nesta edición.

En canto ao seu programa, que tamén se está definindo, volverá caracterizarse pola súa amplitude e diversidade. Incluirán de novo actividades orientadas a profesionais e a público xeral e tanto novidades que sorprenderán aos visitantes como propostas consolidadas que contan con gran éxito todos os anos.

Entrada gratuíta

Exposición e actividades conforman en Abanca Semana Verde de Galicia unha proposta única no calendario feiral, á que ademais pode accederse de forma gratuíta por duodécimo ano consecutivo. Soamente se abonará o aparcamento, cun módico prezo destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.