Os afeccionados ao xadrez e o atletismo volven ter unha cita nas competicións da feira Abanca Semana Verde

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • A CARREIRA POPULAR, QUE CHEGA Á SUA SÉTIMA EDICIÓN, E O OPEN DE XADREZ, QUE REGRESA CON NOVIDADES, TERÁN LUGAR O 3 E O 4 DE XUÑO RESPECTIVAMENTE
  • AS INSCRICIÓNS PARA AMBAS CITAS XA ESTÁN ABERTAS

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal celebrará a súa 44ª edición entre os días 2 e 5 de xuño, volverá incluír no programa de actividades as súas competicións de xadrez e atletismo, cuxas inscricións xa están abertas.

A VII Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, organizada pola entidade feiral xunto coa Federación  Galega de Atletismo e co patrocinio de Abanca e Decathlon, xa se trata dunha cita consolidada no calendario galego de atletismo.

A proba dará comezo ás 20.00 horas do día 3 de xuño, incluíndo o seu percorrido unha pequena parte dentro do recinto e o resto en zonas exteriores próximas ao mesmo. Establece dúas categorías, Escolar, que inclúe  Pitufos, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18; e Absoluta, con Sub 20, Sub 23,  Senior, Máster A, Máster  B, Máster  C e Máster D.

Todos os participantes recibirán medalla. Ademais, en  Pitufos entregaráselles a todos un diploma, e aos tres primeiros clasificados nas restantes categorías, tanto de Escolar como de Absoluta, un trofeo. Por outra banda, recoñecerase coa entrega dun trofeo ao atleta máis veterano da carreira e ao atleta local mellor clasificado.

Os participantes, que poden ser atletas federados ou non, deben inscribirse ata o 1 de xuño ás 20.00 horas na web www.carreirasgalegas.com. O custo é de 5€ para a categoría Absoluta e gratuíta para as Escolares.

Novidades no Open de Xadrez

Por outra banda, o Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia, regresa á feira coa súa terceira edición, tras non celebrarse desde 2019. Levarase a cabo o 4 de xuño e contará con seis categorías distintas, as cales serán totalmente independentes e corresponderanse con Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Absoluta.  Xogarase con sistema suízo a 8 roldas mediante programa informático homologado pola Federación Internacional (4 en sesión matutina e 4 de tarde), co cal ningún xogador quedará nunca eliminado, enfrontándose en cada rolda os xogadores da mesma puntuación.

O torneo, que na categoría Absoluta será de novo puntuable para a clasificación internacional  Elo FIDE, conta cunha novidade nesta edición Así, tamén puntuará no Circuíto Galego de Promoción nas categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12 e Sub 14.

Contará nesta edición cun total de 1.500€ en premios en metálico, ademais da entrega de medallas a todos os participantes e tamén trofeo aos cinco primeiros de cada categoría.

Os interesados en participar neste III Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia poden inscribirse no formulario oficial do evento, ao cal teñen acceso en www.semanaverde.es/Bases_Open_Xadrez.pdf. Poderán facelo ata o día 3 de xuño ás 20.30 horas, cun custo de 10€ para maiores de 16 anos e gratuíto tanto para o resto de idades como para participantes con puntuación a partir de 2.200  Elo.