COMUNICADOS FEIRA ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA:   

A feira Abanca Semana Verde supera expectativas ao recibir a 57.000 persoas nunha edición especial marcada pola seguridade

  • AS GRANDES DIMENSIÓNS DO RECINTO, OS SEUS AMPLOS ESPAZOS EXTERIORES E O CONTROL DE AFORO NOS PAVILLÓNS PERMITIRON, XUNTO A OUTRAS MEDIDAS CONTRA A COVID-19, QUE ESTES ASISTENTES PUIDERAN DESFRUTAR DO CERTAME DE FORMA SEGURA
  • TANTO A ORGANIZACIÓN COMO A INMENSA MAIORÍA DE EXPOSITORES MÓSTRANSE SATISFEIROS, CONSIDERANDO MOI BOA A RESPOSTA DO PÚBLICO
  • ESTA CITA TIÑA COMO OBXECTIVO CONTRIBUÍR Á REACTIVACIÓN ECONÓMICA, ADEMAIS DE DAR UN PASO ADIANTE PARA RECUPERAR EN 2022 AS CONDICIÓNS QUE A TEÑEN CONVERTIDO NUNHA CITA DE REFERENCIA

Silleda, 5 de setembro de 2021.- A 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia pechou hoxe as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. A esta edición especial, que tiña como obxectivo contribuír á reactivación económica e ofrecer un espazo seguro de negocio e entretemento, acudiron preto de 57.000 persoas durante os seus tres días de celebración.

Esta cifra de asistentes, calculada en base aos controis de aforo dos pavillóns principais, foi compatible con que o público desfrutarse da feira con seguridade, debido ás grandes dimensións do recinto, os seus amplos espazos exteriores e os controis de aforo en interiores, ademais doutras medidas, como a redución da área de exposición con ampliación de corredores, medición de CO2 en interiores, entrada e saída aos pavillóns por accesos diferentes, uso obrigatorio de máscara para adultos e nenos maiores de 6 anos, habilitación de numerosos puntos de desinfección ou o reforzo da vixilancia e a limpeza.

O certame superou as expectativas tanto da organización como da inmensa maioría de expositores, considerando que a resposta do público foi moi positiva.

Esta cita mantivo a esencia deste certame multisectorial, coa diversidade e o atractivo das súas propostas tanto na súa exposición como no seu programa. Foron 389 expositores directos de 6 países os que estiveron presentes no certame, sumándose 212 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente procedían de 17 países. En canto á superficie neta foi de 8.595 metros cadrados, mentres que a ocupada por expositores e actividades ascendeu a 70.000 metros cadrados.

Unha participación expositiva que respondeu á actual situación derivada da COVID-19 e á celebración do certame nun mes que non é o propio, pero que conformou unha edición con interese e que pretendía dar un paso adiante para recuperar en 2022 as condicións que levaron á feira Abanca Semana Verde a convertese nunha cita de referencia. Un obxectivo que, tendo en conta os resultados da feira, conseguiu amplamente.

Ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contou novamente con numerosos sectores, dende gandería, biomasa, enerxías renovables ou maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. A esta exposición uniuse un completo programa con 130 actividades distintas, moitas das cales se repetiron ao longo de varios días.

Certames paralelos e un atractivo programa

O salón de alimentación Salimat Abanca foi un ano máis un importante espazo de negocio. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron 600 reunións entre 70 expositores e 18 compradores de 8 países. Ademais, a súa área Alinova incluíu 77 innovacións, mentres que no seu programa houbo numerosas catas e showcookings, como os de recoñecidos chefs do Grupo Nove e a semifinalista en MasterChef 9, Ofelia Hentschel, Tamén incluíu talleres, o primeiro concurso de tortilla española ou o Encontro Gastroblogger.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebraron co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contaron coa presenza de empresas do sector e 32 concellos que promocionaron 41 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional incluíuse o IV Encontro de Bloggers e destacou a Bolsa de Contratación Turística, a cal propiciou 1.900 reunións entre preto dun centenar de empresas e 38 operadores turísticos de 11 países. Sumouse a cociña en vivo do proxecto Eurochef.

En canto a Fecap Abanca, que conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, apostou nesta edición por un completo programa, con novidades como a Presentación de Cans de Caza de Galicia, unha exposición de artes antigas ou talleres de montaxe de moscas para pesca a cargo de montadores referentes a nivel mundial. A Dirección Xeral organizou diversas actividades relacionadas coa natureza.

As actividades caninas e ecuestres foron moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras con propostas como a II Copa de Agility e a I Copa de Agility por Equipos Abanca Semana Verde, exhibicións de pastoreo de ovellas ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacaron o VIII Galician Championship de cabalos árabes e unha actividade formativa con ponis, así como a presentación e doma de exemplares de Cabalo de Pura Raza Galega.

A área de gandería centrouse na exposición de razas autóctonas de Galicia, tanto de Rubia Galega como das razas en perigo de extinción. E o programa completouse con outras propostas de interese, como espectáculos de freestyle a cargo do piloto pioneiro desta modalidade en Portugal; unha exposición de dinosauros animatronics, a VI Carreira Popular, a realización de esculturas con motoserra ou unha área de videoconsolas e pc gaming.


A feira Abanca Semana Verde 2021 sumou hoxe ao seu programa numerosas actividades lúdicas

  • PROPOSTAS CANINAS E ECUESTRES, UN ESPECTÁCULO DE FREESTYLE, EXHIBICIÓNS DE CAZA E PESCA, SHOWCOOKINGS E CATAS, ENTRE AS ACTIVIDADES QUE ESTÁN A TER LUGAR
  • O CERTAME CONTINUARÁ MAÑÁ CON PROPOSTAS PARA TODOS OS PÚBLICOS

Silleda, 4 de setembro de 2021.- A 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá domingo, sumou hoxe ao seu programa numerosas actividades lúdicas.

Así, ademais de distintas exposicións e actividades programadas para todos os días, hoxe incorporáronse novas propostas destinadas ao público xeral. Entre elas destacan as ecuestres, como o VIII Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, concurso de cabalos árabes que comezou hoxe e continúa mañá. Tamén se leva a cabo a presentación e doma “O Cabalo de Pura Raza Galega, doma e morfoloxía. A Nosa Raza”, ofrecido pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, ademais dunha actividade formativa con ponis, centrada no cepillado, coñecemento das características destes animais, trenzado e paseo “do ramal”

En canto ás caninas, realizouse unha exhibición da Unidad Cinológica del Tercio Norte de Infantería de Marina, a II Copa Agility e a I Copa Agility por Equipos Abanca Semana Verde de Galicia e tamén exhibicións de pastoreo de ovellas, a cargo de dous reputados profesionais, Rubén Cano e Daniel “ Inducan” Illestas.

Ademais, comezaron as exhibicións de freestyle, realizadas polo piloto pioneiro desta modalidade en Portugal, Paulo Martihno, quen está arrincando os aplausos do público coas acrobacias realizadas con varias motos, un quad e, nas demostracións de hoxe, un Mini Couper V6.

Fecap Abanca

No marco da feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, hoxe estanse levando a cabo numerosas actividades, como exhibicións de tiro con arco, talleres educativos de divulgación da nosa contorna máis próxima, actividades de cetrería cun aguia de Harris ou distintas actividades da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, como os talleres “ Ecoimaxina”, “Crea Biodiversidade”, “Planta Futuro” ou “ Coñece ou teu Patrimonio” e o concurso “Desafío na Natureza”.

Así mesmo, relacionado coa pesca, destacan durante a feira os talleres de montaxe de moscas a cargo de montadores especializados nas diferentes disciplinas do atado, referentes a nivel mundial e galardoados nos principais concursos internacionais, sendo hoxe a quenda de Jorge Rodríguez Maderal, Joaquín L. Quintás e Marcos Prado.

Salimat, Turexpo e Festur

As actividades relacionadas cos outros salóns paralelos á feira Abanca Semana Verde tamén se dirixen desde esta tarde a todos os públicos. Así, en Turexpo Galicia e Festur leváronse a cabo exhibicións de Palilleiras de Camariñas e degustacións como as do Pan de Cea. Así mesmo, no marco do proxecto Eurochef, centrado en poñer en valor os produtos gastronómicos dos territorios rurais, realizáronse showcookings a cargo dos catro chefs dos territorios presentes no proxecto: Alex Iglesias, do Restaurante Cabanas (de Ponorte); Iván Méndez (de Eurural) e as dúas chefs romanesas Ana María Elisabeta Stan e Alina Macovei (Bucovina de Munte).

En canto a Salimat Abanca, celebráronse numerosas propostas, como varias sesións de catas no “ Espazo Degustación” da Consellería do Mar, as cales foron “Galicia Sabe Amar: pescada do pincho” e “PescadeRías: A Horta do Litoral, plantas e verduras atlánticas”, ambas de man de Criselda Iglesias, de Tapería Lecer (Cangas do Morrazo, Pontevedra); e tamén “Galicia saber Amar: Mexillóns de Galicia” e “PescadeRías: de proximidade e con selo propio”, as dúas a cargo de Maica Couto, do Restaurante A Ostrería (Santiago de Compostela, A Coruña).

Por outra banda, realizáronse diversos showcookings, como o do chef do Grupo Nove, Daniel López, do restaurante O Camiño do Inglés, ou o da semifinalista en MasterChef 9, Ofelia Hentschel. Sumáronse os centrados no poldro de Cabalo de Pura Raza Galega, da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Razas Galega (Puraga) e o levado a cabo con produtos cárnicos da raza Rubia Galega, organizado pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) e a cargo de Diego López, do restaurante A Molinera. Engadíronse catas comentadas de produtos como aceite.

Mañá domingo a diversidade de propostas volverá caracterizar a xornada, a última xa desta edición especial da feira Abanca Semana Verde de Galicia.


A feira Abanca Semana Verde 2021, unha cita segura que mantén a súa diversidade e atractivo con 389 expositores e 130 actividades

  • TRÁTASE DUNHA EDICIÓN ESPECIAL QUE PRETENDE CONTRIBUÍR Á REACTIVACIÓN ECONÓMICA E OFRECER UN ESPAZO DE NEGOCIO E ENTRETEMENTO CON SEGURIDADE, ADEMAIS DE DAR UN PASO ADIANTE PARA RECUPERAR EN 2022 AS CONDICIÓNS QUE A CONVERTERON NUNHA CITA DE REFERENCIA
  • SERÁ INAUGURADA MAÑÁ POLO VICEPRESIDENTE DA XUNTA, ALFONSO RUEDA

Silleda, 2 de setembro de 2021.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre mañá as portas dunha edición especial que será inaugurada polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Tras non poder celebrarse en 2020 debido á pandemia, volve cunha cita que ten como obxectivo contribuír á reactivación económica e ofrecer un espazo seguro de negocio e entretemento.

Esta 43ª edición mantén a esencia deste certame multisectorial, coa diversidade e o atractivo das súas propostas tanto na súa exposición como no seu programa. Serán 389 expositores directos de 6 países os que estarán presentes no certame. Isto supón un 54,1% dos participantes en 2019, a cal fora unha convocatoria con cifras récord, sen embargo, aproxímase ao número de expositores doutras edicións, como a de 2010. A este total de entidades súmanse este ano 212 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 17 países. En 2019 as firmas foron 336, sumando ata os 26 países.

En canto ao espazo que ocupan estas entidades, é de 8.595 metros cadrados, un 44,4% da superficie neta de 2019, aínda que é moi similar á da edición de 2009 e atópase entre o 70% e o 80% das rexistradas entre 2010 e 2016. Respecto ao espazo ocupado por expositores e actividades, ascende a 70.000 metros cadrados, un 80% da pasada edición.

Unhas cifras que responden á actual situación derivada da COVID-19 e a celebración do certame nun mes que non é o propio, pero que conforman unha edición con interese e que pretende dar un paso adiante para recuperar en 2022 tanto as condicións que levaron á feira Abanca Semana Verde a ser unha cita de referencia como o seu mes habitual de celebración, en xuño.

Ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contará novamente con numerosos sectores que van desde gandería, biomasa, enerxías renovables ou maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. A esta exposición únese un completo programa con 130 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo de varios días.

Todo isto conformará unha cita pensada para que o público poida desfrutar e os expositores rendibilicen a súa presenza, pero sempre priorizando a súa seguridade. Así, dende a organización elaborouse un plan de continxencia COVID-19, o cal foi aprobado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta. Algunhas das medidas que contempla son o control de aforo nos espazos interiores, redución da área de exposición con ampliación de corredores, medición de CO2, entrada e saída aos pavillóns por accesos diferentes, reforzo de sinalética e soportes dixitais, uso obrigatorio de máscara para adultos e nenos maiores de 6 anos, habilitación de numerosos puntos de desinfección, control do acceso ordenado para manter a distancia de 1,5 metros, reforzo da vixilancia e a limpeza, recordo das normas a través de sinalética e megafonía ou medidas específicas para cada unha das actividades. Respecto á restauración, deberá respectar as normas establecidas nese momento polas autoridades sanitarias para os establecementos de hostalería.

Por outra banda, nesta edición o público poderá acceder de forma gratuíta por undécimo ano consecutivo. Só se abonará o aparcadoiro, cun módico prezo de 3€ destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.

Certames paralelos e un atractivo programa

O salón de alimentación Salimat Abanca será un ano máis un importante espazo de negocio. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) permtirán ás empresas reunirse con 18 importadores e distribuidores de 8 países. Ademais, a súa área Alinova incluirá 77 innovacións, mentres que no seu programa haberá numerosas catas e showcookings, como os de reputados chefs do Grupo Nove e a semifinalista en MasterChef 9, Ofelia Hentschel, Tamén incluirá talleres, o primeiro concurso de tortilla española ou o Encontro Gastroblogger.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebran co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de empresas do sector turístico e 32 concellos que promocionarán 41 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional inclúese o IV Encontro de Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, con cifras similares ás de 2019, con 40 operadores turísticos de 11 países. Sumarase a cociña en vivo do proxecto Eurochef.

En canto a Fecap Abanca, que conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, aposta nesta edición por un completo programa, con novidades como a Presentación de Razas de Cans de Caza de Galicia, unha exposición de artes antigas ou talleres de montaxe de moscas para pesca a cargo de montadores referentes a nivel mundial. A Dirección Xeral organizará diversas actividades relacionadas coa natureza.

As actividades caninas e ecuestres serán moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras con propostas como a II Copa de Agility e a I Copa de Agility por Equipos Abanca Semana Verde, exhibicións de pastoreo de ovellas ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacará o VII Galician Championship de cabalos árabes e unha actividade formativa con ponis, así como a presentación e doma de exemplares de Cabalo de Pura Raza Galega.

A área de gandería centrarase na exposición de razas autóctonas de Galicia, tanto de Rubia Galega como das razas en perigo de extinción. E o programa completarase con outras propostas de interese, como espectáculos de freestyle a cargo do piloto pioneiro desta modalidade en Portugal; unha exposición de dinosauros animatronics, a VI Carreira Popular, a realización de esculturas con motoserra ou unha área de videoconsolas e pc gaming.


As razas gandeiras autóctonas volven á área expositiva e á cociña en vivo da feira Abanca Semana Verde 2021

TANTO AS RAZAS EN PERIGO DE EXTINCIÓN COMO A RUBIA GALEGA CONTARÁN CUNHA AMPLA MOSTRA DE EXEMPLARES, ADEMAIS DE ESTAR PRESENTES NO SALÓN ALIMENTARIO E CENTRAR DIVERSOS SHOWCOOKINGS

Silleda, 30 de agosto de 2021.- A 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra entre o 3 e o 5 de setembro, volve contar coas razas autóctonas galegas tanto na súa exposición como no seu programa de actividades.

En canto ás razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes na feira de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e tamén da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Na área gandeira de Abanca Semana Verde contarán cunha completa mostra de animais. Así, serán 50 os exemplares das bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, algo máis de 100 de Porco Celta, 30 da Cabra e Ovella Galegas, 7 de Cabalo de Pura Raza Galega e tamén 500 de Galiña de Mos, tanto con exemplares adultos como poliños. Ademais, desta última raza haberá un mercado de aves vivas no que participarán varios produtores de Avimós.

O certame tamén incluirá a actividade “O Cabalo de Pura Raza Galega, doma e morfoloxía. A Nosa Raza”, ofrecido pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, o cal consistirá en tres pases con presentación e doma de exemplares desta raza.

Por outra banda, respecto á Raza Rubia Galega, protagonizará nesta ocasión unha exposición máis ampla do habitual, composta por 25 animais, entre os que ademais dun touro, mostraranse vacas, novillas e tenreiras.

Salimat Abanca

As razas autóctonas galegas tamén estarán presentes no 24º Salón de Alimentación do Atlántico. Participarán 15 produtores das razas en perigo de extinción baixo as marcas comerciais “Ganadería Balín”, “ Cachenas de Pantón”, “ Cachenas de San Breixo”, “ Gandaría e Carnicería Lage”, “ Gandería Tras do Río”, “Granxa Castro de Madrosende”, “Aves do Concello”, “Chousa do Lea”, “Granxa Aeiroá” “A Granxa de Lola”, “Granxa Pitagudín”, “Granxa A Ciruxana”, “O Agro”, “Cooperativa Tres Fuciños” e “Céltico”

Ademais, estarán con stand Asoporcel e Boaga, participando ademais co restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base da maioría destas razas. “Ovos rotos de Galiña de Mos con xamón de Porco Celta”, “Carbonara flamande de tenreira de raza Caldelá e de boi de raza Limiá”, “Cordeiro de Ovella Galega asado no forno” ou “Minihamburguesas 100% tenreira de raza Frieiresa con queixo D.O Arzúa-Ulloa” serán soamente algunhas das súas propostas, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante Andarubel-Fragas do Eume.

A isto sumaranse varios showcookings centrados no poldro de Cabalo de Pura Raza Galega, organizados por Puraga.

En canto á raza Rubia Galega, tamén participará en Salimat Abanca. Estará presente con stand a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), a cal organizará un showcooking centrado nesta raza a cargo de Diego López, do restaurante La Molinera, de Lalín.


A feira Abanca Semana Verde mantén na súa edición especial un amplo programa de actividades caninas e ecuestres

  • LEVARANSE A CABO DISTINTAS PROPOSTAS CON GRAN ATRACTIVO DURANTE O CERTAMEN, O CAL TERÁ LUGAR DO 3 AO 5 DE SETEMBRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 25 de agosto de 2021.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia manterá nesta edición especial, que terá lugar do 3 ao 5 de setembro, un amplo programa de actividades caninas e ecuestres, entre as que haberá novidades respecto á última cita do certame.

En canto ás protagonizadas por cans, as propostas serán moi variadas. Non faltarán as actividades de agility, organizadas pola Federación Galega de Caza, coa II Copa Abanca Semana Verde de Galicia e diversas exhibicións, tanto de agility como de habilidades, detección de olores ou lanzamento de frisbee. Tamén esta Federación organizará a Presentación de Cans de Caza, na cal se irán mostrando de forma individual máis dunha vintena de exemplares de seis razas de caza á vez que o presentador explicará aspectos como as súas características ou utilidades.

Serán moitas as actividades centradas no Can de Palleiro, organizada polo Club Raza Can de Palleiro. Entre elas, o XV Concurso Monográfico desta raza; as exhibicións “Que listo é ou meu can”, nas que se mostrarán as habilidades de distintos exemplares; prácticas de aspirantes a xuíces da raza; e tamén a entrega tanto do ” Palleiro de Honra”, que nesta ocasión recibe a Fundación Hospital Veterinario Rof Codina, como o recoñecemento “socio colaborador 2021″, que recae en Freddy Acevedo Ruiz. Así mesmo, nesta ocasión realizarase unha charla-coloquio sobre terapias asistidas con exemplares de Can de Palleiro e actividades lúdicas grupais para nenos e adultos, a cargo do equipo de ” Biocentro Acevedo” de Vigo.

Por outra banda, volverán a Unidade Cinológica del Tercio Norte de Infantería de Marina, a cal realizará unha exhibición. Así mesmo, dous reputados profesionais, Rubén Cano e Daniel “ Inducan” Illestas, realizarán exhibicións de pastoreo de ovellas con cans e impartirán cursos prácticos a pastores procedentes de distintos puntos de Galicia, os cales poderán ser contemplados polo público asistente á feira.

Ecuestre

O certame tamén contará cun programa ecuestre. Entre as súas propostas, incluirá “O Cabalo de Pura Raza Galega, doma e morfoloxía. A Nosa Raza”, ofrecido pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego en colaboración co programa FEADER “Europa Inviste non Rural”, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura. Consistirá en tres pases con presentación e doma de cabalos de pura raza galega.

Tamén organizada por esta entidade realizarase unha actividade formativa con ponis, centrada en cepillado, coñecemento das características destes animais, trenzado e paseo “do ramal”

Ademais, os cabalos árabes volverán ao recinto, co VIII Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C e organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA). Escolleranse o Mellor Puro Exipcia femia e macho, Mellor Puro Spanish femia e macho, Mellor Poldra, Poldro, Egua e Semental nado en Galicia e exemplar nado en Galicia coa máis alta puntuación. Así mesmo, recoñecerase a Mellor cabeza, Mellores movementos e Mellor presentador, amateur e profesional. O équido con maior puntuación será merecedor do Best in Show, mentres que mellor exemplar entre os gañadores das distintas categorías será o Campión Absoluto.


O piloto pioneiro do freestyle en Portugal volverá sorprender na feira Abanca Semana Verde con novas acrobacias e vehículos

  • PAULO MARTINHO, QUE XA OBTIVO GRAN ÉXITO NO CERTAME EN DÚAS OCASIÓNS ANTERIORES, REALIZARÁ CATRO DEMOSTRACIÓNS CON COCHES E MOTOS OS DÍAS 4 E 5 DE SETEMBRO

Silleda, 23 de agosto de 2021.- A 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal será unha edición especial do certame e terá lugar do 3 ao 5 de setembro, contará de novo no seu programa cos espectáculos de Paulo Martinho, pioneiro do freestyle en Portugal.

O piloto, que manexa el só todos os vehículos do show, xa contou con gran éxito no certame en dúas ocasións anteriores. Agora volverá sorprender con algunhas acrobacias novas e un coche que incluirá por primeira vez nun espectáculo en España.

Paulo Martinho realizará catro exhibicións, que terán lugar o sábado e o domingo, ás 13.00 horas e ás 18.00 horas. Nas que realizará ao mediodía utilizará unha moto de cros, dúas Yamaha de estrada modelo MT 09 e un quad, cos que levará a cabo invertidos (apoio nas rodas dianteiras), cabaliños ou queimadas de roda.

Xa pola tarde, nas demostracións sumarase un coche cada día. O sábado pilotará un Mini Couper V6 co que realizará invertidos e tamén unha das acrobacias máis arriscadas para el, encadeando un gran número de trompos con gran rapidez. O domingo será un Mini con motor Ferrari, un novo vehículo no seu espectáculo que soamente utilizou unha vez no Rally de Portugal. Con el fará trompos e drift, un espectacular estilo de condución co que a altas velocidades derrapará de maneira que o vehículo forme un ángulo coa dirección do movemento.


A feira Abanca Semana Verde ultima exposición, actividades e medidas de seguridade da súa edición especial, que será do 3 ao 5 de setembro

  • ESTE CERTAME, QUE SE CELEBRA HABITUALMENTE NO MES DE XUÑO, MANTÍVOSE EN 2021 CO OBXECTIVO DE CONTRIBUÍR Á REACTIVACIÓN DAS EMPRESAS E REANUDAR TANTO UNHA NECESARIA INTERACCIÓN ENTRE OFERTA E DEMANDA COMO O OCIO DE FORMA SEGURA
  • TRAS A SÚA ANULACION DO ANO PASADO, SUPÓN UNHA CITA DE TRANSICIÓN PARA VOLVER A CONVERTERSE EN 2022 NO MAIOR CERTAME MULTISECTORIAL DE MOSTRAS E OCIO DO NOROESTE PENINSULAR

Silleda, 18 de agosto de 2021.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia ultiman estes días a súa edición especial 2021, a cal terá lugar do 3 ao 5 de setembro.

Aínda que este emblemático certame se desenvolve habitualmente no mes de xuño, nesta ocasión trasladou as súas datas debido á situación sanitaria derivada da COVID-19, podendo manter así a súa celebración este ano co obxectivo de contribuír á reactivación das empresas e reanudar tanto a necesaria interacción entre oferta e demanda como o lecer de forma segura. Ademais, esta cita supón unha edición de transición para recuperar en 2022, xa nas súas datas habituais, a súa condición de maior certame multisectorial de mostras e lecer do noroeste peninsular.

Para esta edición, que conta con tres días de duración en lugar de catro, a feira está inmersa na organización da súa área expositiva e a dos seus certames paralelos, o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca); o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia); a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap). Así mesmo, está a deseñarse o programa de actividades desta edición, no que de novo se incluirán tanto novidades como propostas consolidadas no certame.

Unha feira segura

A 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia pretede, adaptándose ás circunstancia actuais, conxugar negocio e entretemento, de modo que os expositores poidan rendibilizar a súa presenza e o público desfrutar da xornada, pero sempre priorizando a súa seguridade. Así, dende a organización elaborouse un plan de continxencia COVID-19 que se presentou á Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia e sobre o que se están pechando algúns detalles para a súa próxima aprobación.

Nel establécense medidas previas á celebración da feira e de acceso tanto ao recinto como a cada unha das áreas diferenciadas do mesmo durante o desenvolvemento do evento, ademais de medidas específicas para a área expositiva e os seus stands, para as diferentes actividades incluídas no programa e para os servizos e locais de restauración.

location-icon

DIRECCIÓN
FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Avda. Recinto Ferial S/N
36540 Silleda – Pontevedra

email-icon

CONTACTO

semanaverde@feiragalicia.com

+34 986 577000