A feira Abanca Semana Verde centrou hoxe o seu programa máis técnico en mesas de negocio, xornadas e cociña en directo

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTE CERTAME MULTISECTORIAL, QUE ARRINCA MAÑÁ AS SÚAS PROPOSTAS MÁIS LÚDICAS, CELÉBRASE ATA O DOMINGO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 31 de maio de 2024.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebra hoxe a súa segunda xornada, na cal as actividades profesionais están aínda moi presentes e centráronse no peche das mesas de negocio dos salóns de turismo e alimentación e tamén en distintas xornadas técnicas.

En canto a estas últimas, esta mañá levouse a cabo o XXVI Monográfico de Gando Porcino baixo o título “Retos aos que se enfronta o sector porcino”, organizado pola Agrupación de Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda.

Así mesmo, a feira acolleu unha xornada informativa centrada no “Programa Re-acciona Igape”, o cal foi presentado pola subdirectora de Investimentos e Startups no IGAPE, Fany Suárez. Este programa do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) comprende un esquema de servizos de mellora da competitividade empresarial, nacido para capacitar ás pemes ante os novos retos do mercado, dotándoas dun valor engadido que permita acelerar os seus procesos de mellora e incorporar novos coñecementos ás súas estruturas.

Ademais, este mediodía concluíron as mesas de negocio de Salimat Abanca e Turexpo Galicia, nas cales se celebraron máis de 3.600 reunións con 66 operadores turísticos e compradores alimentarios de 24 países, con grandes expectativas e eloxios por parte dos participantes. Sumáronse outras propostas profesionais, como cociña en directo orientada a compradores e tendas gourmet en Salimat Abanca

Por outra banda, leváronse a cabo actividades divulgativas ou formativas destinadas a escolares, como talleres de natureza en Turexpo Galicia ou exhibicións de habilidades caninas ou un seminario de gility en Fecap Abanca.

Mañá comeza o programa máis lúdico

A Feira Internacional Abanca Semana Verde 2024 pon en marcha mañá o seu programa orientado a todos o públicos, o cal se estenderá ata o domingo e incluirá desde competicións caninas ou exhibicións ecuestres ata shows de motor ou máis diversidade de showcookings e degustacións.

>>> + FOTOS