Espectáculo e entretemento toman dende hoxe a feira Abanca Semana Verde 2025 con actividades ecuestres, caninas, de motor ou de beleza

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • TAMÉN AUMENTA NESTA XORNADA O NÚMERO DE SHOWCOOKINGS E CATAS, DEGUSTACIÓNS DE FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO OU DE PROPOSTAS DE CAZA, PESCA E NATUREZA
  • O CERTAME CONTINUARÁ MAÑÁ CON GRAN CANTIDADE DE ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

Silleda, 6 de xuño de 2026.- A 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá domingo, puxo en marcha hoxe o seu programa máis lúdico. E fíxoo multiplicando as propostas das súas distintas áreas e salóns e incluíndo algunhas con gran espectacularidade.

Así, ademais de distintas exposicións e actividades programadas para todos os días, hoxe incorporáronse novas propostas destinadas ao público xeral. Entre elas destacaron as ecuestres, como o XIII Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, un morfolóxico de cabalos árabes con gran participación que continúa mañá, e un taller sobre coidados do poni onde os nenos poden cepillalos, facerlles trenzados ou pasealos á corda. Centrado en exemplares de Pura Raza Galega levouse a cabo o Concurso Morfolóxico Oficial.

En canto ás caninas, realizouse unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina ademais de actividades co Can de Palleiro, demostracións de agility (axilidade canina) e tamén a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade, tanto por equipos como individual. Sumouse o monográfico do Club Español de Grifón Nivernés.

Por outra banda, comezaron as actividades sobre rodas. Hoxe foi a quenda do equipo Aitrick, composto polos portugueses Ricardo Santos e Diogo Ribeiro e o inglés Greg Rowbotttom, cos que volveu á feira a versión máis extrema do motocrós, o freestyle motocrós. A través dunha gran rampla, realizaron espectaculares acrobacias alcanzando distancias de 22 metros de longo e 12 metros de altura, como o superman, consistente en soltar o guiador da moto no aire e abrir os brazos en cruz, ou o backflip, o cal é un mortal cara atrás.

Salóns paralelos

As actividades relacionadas cos outros catro salóns paralelos á feira Abanca Semana Verde de Galicia tamén se intensificaron hoxe. Así, en Turexpo Galicia e Festur celebráronse actividades relacionadas con festas de interese turístico, entre elas as demostracións das palilleiras de Camariñas ou degustacións de empanada de pescada o pincho e pan dos apóstolos, de Viveiro; de requeixo das Neves; de Xamón da Cañiza ou de tortilla de Laro, de Silleda.

Sumouse o IX Encontro de Creadores Dixitais de Turismo, que nesta ocasión contou con Wonderintravel, Galidrone, Galicia Angi Baldrich, No sin mis Zapas Wfabianchos, De un lado a Otro, Bea Onroad, Mil Recuerdos en mi Maleta, Walking el Mundo e Marce Rutas y Viajes.

En canto a Salimat Abanca, desenvolvéronse numerosas propostas, como demostracións de coctelería ou degustacións a cargo dos centros de formación profesional de hostalería e turismo e industrias alimentarias organizadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, hoxe con biscoito de queixo San Simón e touciño de Porco Celta, crema de espárragos e servizo de coctelería “Spritz atlántico” e “Brétema escura”, a cargo do IES Sanxillao. Tamén houbo varias sesións da aula de Catas da Consellería do Mar, entre elas “Galicia sabe Amar: pescada de pincho” e “Experiencias de Calidade” organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), como a “Cata de viños brancos premiados nas Catas de Galicia 2025”.

Así mesmo, destacaron os showcookings da Terraza Salimat, entre eles o protagonizado por produtos presentes na feira e a cargo de Alberto García Mosquera, do restaurante El Nigiri de Kontike. Sumáronse gran cantidade de showcookings, catas e degustacións nos distintos stands, ademais do XI Encontro de Creadores Dixitais, no que participaron Paisano con Bigote, Pez Salvaje, Sen Paraxe, Culiito Inquieto, Rutas y Restaurantes, Desayuna Coruña, Las Recetas de Malena e Pasear Galicia.

En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, desenvolvéronse exhibicións de voo con aves de cetrería, unha demostración de montaxe de moscas a cargo dos especialistas Gustavo Brea, Marcos Prado e Joaquín L. Quintás, e tamén a presentación de “Pesca de Guerrillas” e a demostración “Distancia e precisión na pesca con mosca”, ambas a cargo de Jesús Carmona-CLN. Ademais, intensificáronse as actividades de tiro con arco e non deixou de funcionar o Sim Way Hunt, un sistema virtual para aprender e adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento.

Pola súa banda, na feira de beleza e estética Intermax Beauty Show, leváronse a cabo hoxe varios talleres de técnicas de styling masculino e feminino con expertos do sector. Estes foron Silvia Garnil, director de Silgar Beauty, centro especializado en aparatoloxía avanzada e protocolos de alta eficacia; Alén, barbeiro que percorreu diferentes barbarías de España e docente en Formas Academy; e Jesús Vázquez, formador para marcas como Tahe ou Farmagan, gañador do premio Imaxe Galicia a mellor colección masculina e segundo posto nos Premios Vanilla Valencia, ademais de finalista en numerosas ocasións en Barbarías con Encanto. Sumouse Christian Barber, campión de freestyle de barbaría en Galicia e a Golden Chair Internacional, ademais de creador da batalla de barbeiros A Mariña Barber Battle.

Ademais, esta tarde o Beauty Show acolleu unha conferencia de Sonia Felpete, coach de imaxe.

>>> + FOTOS