- NA COMPETICIÓN PARTICIPARON QUINCE EXEMPLARES PROCEDENTES DE DISTINTOS PUNTOS DE GALICIA
Silleda, 2 de xuño de 2024.- A 46ª Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, acolleu hoxe o XI Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega.
Na categoría de sementais, o gañador foi Chocolate FR, de Juan Fontenla, de A Estrada (Pontevedra), sendo o segundo Izar XR, de Juan Paz de Guitiriz (Lugo) e o terceiro Alacrán, de Pedro Blanco, de O Valadouro (Lugo).
En canto a eguas, o pódium estivo composto, de primeira a terceira, por Meiguiña de Remourelle, de Rubén Pérez, de A Fonsagrada (Lugo), Galaxia, de Juan Paz, de Guitiriz, e Lenda do Couto, de Fernando Groba, das Neves (Pontevedra).
Respecto a poldras, a primeira e a segunda clasificadas foron, Raiana do Couto e Moura da Laxe, ambas de Fernando Groba. Pola súa banda, a terceira foi Pequecha da Sousa, de Juan Paz, de Guitiriz.
No concurso, organizado pola Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), participaron quince exemplares desta raza autóctona en perigo de extinción procedentes de distintas localidades galegas.
Exhibición con eguas e aloitadores
Puraga realizou ademais esta tarde unha exhibición nun curro con varios grupos de aloitadores de distintos puntos de Galicia onde se celebran rapas, os cales inmovilizaron unha por unha a varias eguas do monte seguindo técnicas seguras tanto para eles como para os animais para logo cortarlles as crinas e as colas. Unha actividade que se repetirá mañá pola tarde e na que en ambos días participarán aloitadores da “Rapa de Campo do Oso” (Mondoñedo e A Pastoriza), da “Rapa de Santo Tomé” (Valadouro), da “ Rapa Carballo Vivo” (Friol) e da “Rapa de Cuspedriños” (Cerdedo-Cotobade), ademais dunha persoa que forma para da asociación Puraga.
Por outra banda, tamén con esta raza ecuestre como protagonista, pero neste caso de man da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, levouse a cabo hoxe unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”.









