A feira Abanca Semana Verde recupera as conferencias coa avespa velutina, as razas autóctonas e os sector porcino

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • TRAS NON CELEBRARSE XORNADAS NA PASADA EDICIÓN, O CERTAME VOLVE A INCLUIRLAS NO SEU PROGRAMA CON TEMAS DE GRAN INTERESE PARA O SECTOR AGROGANDEIRO
  • ESTA CITA MULTISECTORIAL TERÁ LUGAR DO 2 AO 5 DE XUÑO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará entre o 2 e o 5 de xuño, recupera as conferencias no seu programa de actividades, tras non incluírse xornadas na pasada edición. E faio con temas de gran interese para o sector agrogandeiro.

O  XXIV Monográfico Porcino será a primeira delas, o venres 3 de xuño e baixo o título “Novidades e retos inminentes para o sector porcino”. Organizado pola Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino (ADSGP) de Silleda, será presentado por Pablo  Meijomín Fidalgo, presidente desta entidade.

Comezará abordando o sistema integral de xestión das explotacións (SIGE). Os aspectos de sanidade animal, seguridade alimentaria e benestar animal serán debullados por Jesús Javier Orejas Fernández, xefe do Servizo de  Sanidade Animal da Subdirección  Xeral de  Gandería da Consellería  do Medio Rural. Pola súa banda, o plan de xestión ambiental e de loita contra o cambio climático explicarao  Nicasio Mejuto Martí, subdirector xeral de  Explotacións Agrarias da Consellería  do Medio Rural.

A continuación tratarase a optimización do uso de antibióticos na práctica. O encargado será Lorenzo Fraile, profesor agregado da Universidade de Lleida (epidemioloxía e farmacoloxía).

A segunda das xornadas, o venres pola tarde, centrarase nas razas autóctonas, estando organizada pola Federación de Razas Autóctonas Españolas (Federapes).  Así, o primeira dos relatorios centrarase na nova PAC e as razas autóctonas e será conducido por José Manuel  Maraculla  Lacambra, director técnico da Asociación de Criadores de Raza Bovina Parda de Montaña (ARAPARDA), vicesecretario xeral de  FEDERAPES e presidente de  UGAVAN – Unión de Ganaderos de Vacas Nodrizas. A segunda titularase “Poxas gandeiras con Razas Autóctonas. Experiencia coa raza Asturiana de los Valles”, sendo abordadas por José Alfredo Vázquez, responsable da Xestión do Libro Xenealóxico da raza Asturiana de los Valles e responsable de feiras e eventos de ASEAVA (Raza Asturiana de los Valles).

Impacto da velutina

Por outra banda, o sábado levará a cabo unha xornada promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Desde unha perspectiva divulgativa e apoiándose no coñecemento e traballos de investigadores do Proxecto Atlantic  Positive, tratará o impacto da expansión desta especie invasora en Galicia.

A xornada, que se desenvolverá o sábado, comezará coa presentación do Proxecto Atlantic  Positive de preservación de servizos de  polinización e control da avespa velutina na área atlántica, para logo desenvolver o ciclo vital da avespa velutina, o impacto sobre a biodiversidade e os  polinizadores, os efectos do  trampeo non selectivo sobre a entomofauna autóctona e o control da especie con métodos alternativos ao  trampeo non selectivo. Sandra Rojas Nossa, doutora en Bioloxía, investigadora na Universidade de Vigo e apicultora, será quen aborde estes temas.

Pola súa banda, Xulio Maside Rodríguez, doutor en Bioloxía, investigador en  CIMUS/USC e apicultor, falará sobre a orixe xenética da invasión de avespa velutina en Europa e outros efectos desta especie en polinizadores silvestres e na apicultura: parasitos. Tamén explicará métodos alternativos ao  trampeo non selectivo.