Máis de trinta exposicións, concursos e presentacións para coñecer as razas gandeiras autóctonas en Abanca Semana Verde

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • CONTARÁN CUNHA AMPLA MOSTRA DE EXEMPLARES, ADEMAIS DE PROTAGONIZAR ALGUNHAS DAS COMPETICIÓNS E ESTAR PRESENTES NO SALÓN ALIMENTARIO

A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra entre o 2 e o 5 de xuño, contará na súa área gandeira con multitude de propostas para coñecer as razas autóctonas galegas.

En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA), Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza  Galega (Puraga) e Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Destacarán as súas exposicións e concursos morfolóxicos. Así, en canto a estes últimos, terán lugar o segundo Concurso da  Ovella e Cabra  Galegas, o 4º do  Porco Celta, o 7º Campionato Galego da Galiña de Mos, que inclúe o 13º Concurso Monográfico e a 9ª Exposición e Concurso por lotes, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial  Cabalo Pura Raza  Galega de  Puraga. Das bovinas celebraranse o 9º Concurso Morfolóxico da Raza  Cachena, o 8º da  Vianesa, 7º da  Caldelá, 6º da  Limiá e o 4º da  Frieiresa. Ademais, de  Galiña de Mos haberá un mercado de aves vivas con varios produtores de  Avimós.

Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades, como o III Concurso Nacional de Manexo da Raza  Porco Celta e as organizadas pola Asociación Pura Raza  Cabalo  Galego. Estas serán as presentacións “O  cabalo de pura raza  galega,  doma e  morfoloxía. a  nosa raza”, en colaboración co programa  FEADER, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura, e tamén o taller sobre “Coidado e ferraxe do pé do cabalo”.

Por outra banda, a feira Abanca Semana Verde contará nesta edición con outras razas autóctonas, como a  Galiña Piñeira, o Can de  Palleiro e a Rubia  Galega. Desta última haberá unha ampla exposición organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Loura  Galega (Acruga), composta por 35 animais entre os que se mostrarán vacas, becerros e sementais.

Aínda que as razas autóctonas serán as protagonistas, tamén formarán parte desta área outras razas. Así, poderán verse algunhas avícolas, como a galiña  Sussex, a Franciscana, a Isazul ou o pito de Pescozo Pelado, ademais de catro impresionantes parellas de  bois das razas  Minhota e  Barroça e tanto un boi como cinco becerros de  Maronesa,

Salimat Abanca

As razas autóctonas galegas tamén estarán presentes no 25º Salón de Alimentación do Atlántico. Participarán 15 produtores das razas en perigo de extinción baixo as marcas comerciais “Gandería  Balín”, “Cachenas de Pantón”, “Cachenas de San Breixo”, “ Gandaría e  Carnicería Lage”, “Gandería Tras  do Río”, “Granxa Castro de  Madrosende”, “Aves  do  Concello”, Montes de Boado” “Granxa  Aeiroá”, “Granxa  Pitagudín”, “Granxa A Ciruxana”, “O Agro-Roberto Louzán”, “Cooperativa Tres  Fuciños”, “Embutidos  Hermelino”, “Cárnicas Domínguez”, “ CienporCel” e “ Churras da  Caneira”, que presentará ou  seu  novo Caldo de Galo da raza  Galiña de Mos, elaborado con carnes da raza e  grelos, entre outros ingredientes.

Así mesmo, estarán con stand  Asoporcel e  Boaga, participando ademais co restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base da maioría destas razas. “Tosta de  focaccia con chacina de raza  Cachena e crema de queixo San Simón da Costa”, “Goulash das razas  Cachena,  Caldelá e  Limiá con castañas”, “Cabrito de raza Cabra  Galega asado ao forno en dous  coccións con patacas ao romeu”, “Bao de churrasco de raza  Porco Celta con  emulsión de  chimichurri” ou “Galo de raza  Galiña de Mos  estofado a baixa temperatura” serán soamente algunhas das súas propostas, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante  AUTGA-Autóctonas.