Reunións B2B, relatorios e sesións de cociña para profesionais centraron hoxe o programa máis técnico de Abanca Semana Verde 2025

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTE CERTAME MULTISECTORIAL, QUE PON EN MARCHA MAÑÁ AS SÚAS PROPOSTAS MÁIS LÚDICAS, CELÉBRASE ATA O DOMINGO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 6 de xuño de 2025.- A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebra hoxe a súa segunda xornada, na cal as actividades profesionais están aínda moi presentes, centrándose no peche das mesas de negocio dos salóns de turismo e alimentación, cociña en vivo para profesionais do sector e conferencias sobre temáticas diversas.

En canto a estas últimas, leváronse a cabo os relatorios “S3: Un substrato sustentable a base de residuos agrícolas que reduce emisións de C02”, “Climate adapted & resilient city. A nova certificación internacional para cidades adaptadas ao cambio climático” e “Marca persoal para a vida e os negocios. A marca son eu”. Sumáronse as conferencias “O valor emocional dos alimentos: comer xuntos, vivir mellor”, a cal se centrou en como os hábitos alimentarios poden mellorar o benestar emocional, favorecer vínculos e previr problemas como a soidade, e tamén os titulada “Almorzos con sentido: nutrición e funcionalidade para comezar ben o día”, que tratou a importancia do almorzo como base dunha alimentación equilibrada.

Así mesmo, no marco do salón de beleza e estética Intermax Beauty Show, tivo lugar o relatorio “Autocoidado, benestar e oportunidade de negocio”.

Tamén continuaron esta mañá en Salimat Abanca diversas sesións orientadas a profesionais, con cocida en vivo de produtos como queixos, aceites ou doces, catas de produtos galegos de calidade para importadores alimentarios e tamén talleres como o de novas tendencias na elaboración da pasta italiana.

Ademais, este mediodía concluíron as mesas de negocio de Salimat Abanca e Turexpo Galicia, nas cales se celebraron máis de 3.700 reunións con 64 operadores turísticos e compradores alimentarios de 21 países, con gran satisfacción e algúns acordos xa pechados durante feira.

Por outra banda, tendo en conta os días lectivos nos centros de ensino, tamén se realizaron distintas actividades divulgativas e formativas para escolares, como talleres de natureza en Turexpo Galicia, cata de aceite en Salimat Abanca ou exhibicións de habilidades caninas e demostracións de agility en Fecap Abanca.

As actividades máis lúdicas, a partir de mañá

A Feira Internacional Abanca Semana Verde 2025 pon en marcha mañá o seu programa orientado a todos o públicos, o cal se estenderá ata o domingo e incluirá dende competicións caninas ou exhibicións ecuestres ata shows de motor ou máis diversidade de showcookings, catas e tanto exhibicións como degustacións de numerosas festas de interese turístico galegas.

>>> + FOTOS