Sorprendentes exhibicións e competicións de obstáculos, obediencia ou morfoloxía, entre as actividades caninas de Abanca Semana verde 2024

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • DEMOSTRACIÓNS DE POINTER INGLÉS OU UN SEMINARIO DE AGILITY PARA INFANTÍS E XUVENÍS SERÁN ALGUNHAS DAS NOVIDADES DESTA EDICIÓN
  • O CERTAME TERÁ LUGAR DO 30 DE MAIO AO 2 DE XUÑO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 22 de maio de 2024.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia contará de novo no seu programa cun gran número de actividades caninas, entre as que haberá atractivas novidades.

Así, non faltará o agility, de man da Federación Galega de Caza, con actividades de habilidade canina para nenos os dous primeiros días de feira, exhibicións para público xeral durante a fin de semana e a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia, que será por equipos o sábado 1 de xuño pola mañá e individual o mesmo día pola tarde. Sumarase o domingo a XIII Proba da liga Autonómica de Agility, con promoción, competición e iniciación. Ademais, por primeira vez levarase a cabo un seminario de Agility para infantís e xuvenís a cargo do especialista César Martínez.

Tamén a Federación de Caza organizará o domingo unha Mostra de Cans de Caza e un Desfile e Presentación da Razas de Cans de Caza. Nesta última iranse mostrando de forma individual exemplares de diversas razas de caza á vez que o presentador explicará aspectos como as súas características ou utilidades.

Por outra banda, repite a Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina cunha demostración que incluirá diversos exercicios e simulacións para que o público poida ver o seu traballo.

Ademais, por primeira vez, realizaranse exhibicións de Pointer Inglés, por parte da Delegación de Galicia da Asociación de Pointer de Caza.

Can de Palleiro

As razas autóctonas terán gran protagonismo no programa da feira, polo que o Can de Palleiro non podía faltar nas actividades caninas. Así, o Club Can de Palleiro celebrará o XXVI Concurso Monográfico da raza, xogos tradicionais ou talleres de debuxo infantil, ademais de contar coa presenza de distintos exemplares no stand e dun can xigante realizado a base de globos para animar aos visitantes a que acudan ás súas propostas. Ademais, entregaranse recoñecementos a socios veteranos e de honra do Club e tamén o xa tradicional “Palleiro de Honra”.