- CENTENARES DE CANS DE INFINIDADE DE RAZAS SERÁN OS PROTAGONISTAS DE EXHIBCIÓNS E COMPETICIÓNS QUE VOLVERÁN CONTAR CON GRAN ÉXITO ENTRE O PÚBLICO
- O CERTAME CELEBRARÁ A SÚA 48ª EDICIÓN DO 4 AO 7 DE XUÑO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Silleda, 24 de maio de 2026.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que celebrará a súa 48ª edición do 4 ao 7 de xuño, contará de novo no seu programa cun gran número de actividades caninas, as cales reunirán a centenares de cans de infinidade de razas.
Así, no ring do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA non faltará o agility, de man da Federación Galega de Caza de Pontevedra e ThunderDogs, con actividades para grupos escolares os dous primeiros días da feira, exhibicións para público xeneral durante a fin de semana e tamén probas oficiais da liga Autonómica e a Copa Abanca Semana Verde de Galicia o sábado e domingo.
Ademais, a Federación Galega de Caza de Pontevedra, neste caso con Solognac, organizará o domingo unha gran mostra de cans de caza que contará con máis de 300 exemplares das mellores razas caninas de Europa e Estados Unidos. Ademais, realizarase un desfile das diversas razas participantes.
Por outra banda, a Sociedade Canina Galega, volverá levar a beleza canina á feira. Así, multitude de cans das razas máis diversas competirán por alzarse co Best In Show no XIX Concurso Nacional Canino Feira Internacional ABANCA Semana Verde De Galicia. E unha vez máis a Unidade Cinológica do Terzo Norte de Infantería de Marina realizará unha demostración que incluirá diversos exercicios e simulacións para que o público poida ver o seu traballo.
Monográficos
Nesta edición celebraranse tres concursos monográficos distintos, organizados polos seus respectivos clubs. Un deles centrarase no Grifón Nivernés, un segundo terá como protagonistas ás razas Beagle, Beagle-Harrier e Harrier e un terceiro centrarase no Can de Palleiro.
Respecto a esta última raza, autóctona de Galicia, celebrará o seu xa 37º monográfico, aínda que tamén contará con outras moitas propostas. Así, realizará actividades para nenos e familias, como xogos tradicionais e talleres de debuxo infantil; e celebrará un acto no que se entregará o seu “Palleiro de Honra”, recoñecementos a socios veteranos do Club Can de Palleiro e os galardóns do seu concurso de fotografía.









