- FORMARÁN PARTE DAS ACTIVIDADES MÁIS LÚDICAS DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 4 AO 7 DE XUÑO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA (SILLEDA, PONTEVEDRA)
Silleda, 25 de maio de 2026.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal celebrará a súa 48ª edición do 4 ao 7 xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), volverá contado no seu programa con interesantes actividades ecuestres.
En canto a cabalos de Pura Raza Árabe e organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA), celebrarase o XIII Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C. Nel escolleranse o Mellor Puro Exipcia femia e macho, Mellor Puro Spanish femia e macho, Mellor Poldra, Poldro, Egua e Semental nado en Galicia e exemplar nado en Galicia coa máis alta puntuación. Así mesmo, recoñecerase a Mellor cabeza, Mellores movementos e Mellor presentador, amateur e profesional. O équido con maior puntuación será merecedor do Best in Show, mentres que o mellor entre os gañadores das distintas categorías será o Campión Absoluto.
Os cabalos de Pura Razas Galega protagonizarán tamén interesantes propostas ecuestres. Así, a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), volverá realizar unha rapa das bestas. Para iso, habilitarase un curro no que varios grupos de aloitadores de distintos puntos de Galicia onde se celebran rapas inmobilizarán unha por unha a varias eguas do monte seguindo técnicas seguras tanto para eles como para os animais para logo cortarlles as crinas e as colas. De man desta asociación sumarase tamén o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega.
Así mesmo, entre estas propostas incluirase unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”. Actividade que será copatrocinada polos fondos europeos FEADER “Europa Inviste no Rural”, Ministerio de Agricultura, Xunta de Galicia e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. De man desta última tamén se realizará o taller “Os coidados do pónei”, o cal permitirá aos máis pequenos cepillar, trenzar ou pasea á corda a ponis de razas shetland e minis shetland.
Peche cun espectáculo de lenda
Esta edición inclúe no seu programa un novo espectáculo de Paco Martos Horse Show, tras o éxito que obtivo o anterior na dúas últimas edicións da feira. Baixo o título “A lenda do paxaro azul”, os visitantes poderán desfrutar por primeira vez en Abanca Semana Verde deste show, que narra a historia dun rei nórdico que emprende unha procura espiritual. Farao a través dunha experiencia inmersiva na que reúne máis de 25 animais en escena, entre eles cabalos, ponis, aves rapaces, cans checoslovacos e diversas especies exóticas, os cales interactúan coa manda e co ser humano realizando magníficos exercicios en completa liberdade e deixando que mostren a beleza da súa natureza.
Incluirá varios números moi dinámicos que combinarán doma ecuestre de alta escola con exercicios tan arriscados como a posta húngara, na que Paco Martos subirase a dous cabalos ao mesmo tempo cun pé no lombo de cada un deles.
Este sorprendente show poñerá o broche final ao programa de actividades da 48ª edición da feira Abanca Semana Verde de Galicia.









