- NA COMPETICIÓN PARTICIPARON ONCE EXEMPLARES PROCEDENTES DE DISTINTOS PUNTOS DE GALICIA
- NA ÁREA GANDEIRA DA FEIRA CELEBRÁRONSE TAMÉN HOXE VARIAS XORNADAS E PRESENTACIÓNS
Silleda, 6 de xuño de 2026.- A 48ª Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, acolleu hoxe o Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega.
Na categoría de sementais, o gañador foi Pombo de Normandy, de Fernando Groba, de As Neves (Pontevedra), sendo o segundo posto para Izar XR, de Juan Paz de Guitiriz (Lugo) e o terceiro para Rango da Caxigueira, de Xan das Bouzas, de Mondoñedo (Lugo).
En canto a eguas, o pódium estivo composto, de primeira a tercira, por Alondra, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), Fonteíña II, de Juan Fontenla, de A Estrada (Pontevedra), e Garbosa de Tras do Río, de Gandería Tras do Río.
Respecto a poldras, a primeira clasificada foi Lavandeira, de Gandería Tras do Río; a segunda Gitana FR, de Juan Fontenla, e a terceira Mimosa da Caxigueira, de Xan das Bouzas.
No concurso, organizado pola Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), participaron once exemplares desta raza autóctona en perigo de extinción procedentes de distintas localidades galegas.
Presentacións e xornadas da área gandeira
Ademais deste concurso morfolóxico e as exposicións de distintas razas presentes todos os días, a área gandeira da feira acolleu hoxe presentacións e xornadas.
Así, presentouse a Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas (Ferampor), con representación da raza Porco Celta e das Gochu Asturcelta, Euskal Txerria, Porc Negre Mallorquí, Chato Murciano e Cocho Negro Canario. Ovica fixo o propio con dous novos proxectos: “Escola de pastores. Loita contra o despoboamento, a remuda xeracional e a profesionalización do sector ovino-caprino en Galicia” e o novo servizo “Testeo de machos”.
Ademais, a Plataforma de Porcino de Cría Tradicional realizou unha xornada sobre os retos e situación actual da produción de porcino con raza autóctona en sistemas semiextensivos en Galicia, mentres que Nudesa reuniu aos seus distribuidores nun encontro para aprender de manexo e alimentación de vacún, porcino e avicultura e coñecer ferramentas de vendas que lles axudarán no día a día cos seus clientes.









