Conferencias, roldas de negocio e showcookings, a aposta de hoxe no programa máis profesional de Abanca Semana Verde 2026

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTE CERTAME MULTISECTORIAL, QUE PON EN MARCHA MAÑÁ AS SÚAS PROPOSTAS MÁIS LÚDICAS, CELÉBRASE ATA O DOMINGO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 5 de xuño de 2026.- A 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebra hoxe a súa segunda xornada, na cal as actividades profesionais están aínda moi presentes, centrándose no peche das mesas de negocio dos salóns de turismo e alimentación, cociña en vivo para profesionais e conferencias.

Respecto a estas últimas, levouse a cabo o XXVIII Monográfico Porcino, no que diversos expertos abordaron a evolución do sector porcino a nivel internacional, a situación actual en España, a economía deste ámbito en tempos de peste porcina africana e, nunha mesa redonda, os horizontes e retos do porcino galego.

Ademais, celebráronse outras conferencias baixo os títulos “O afumadoiro como laboratorio: redes de sensores para a vixilancia continua da secado-maduración e a redución de HAPs en chourizo galego”, “O reto do traballador no agro galego: oportunidades e solucións para o futuro do sector” e tamén “Aplicación de estratexias innovadoras no ámbito vitivinícola” e “Impulso á dixitalización e sustentabilidade no sector agrogandeiro”, presentándose nestas dúas últimas oito proxectos innovadores centrados nos sectores vitivinícola e agrogandeiro.

Sumáronse outros encontros e reunións técnicas, como a asemblea da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga).

Así mesmo, continuaron esta mañá en Salimat Abanca diversas sesións orientadas a profesionais, con cociña en vivo. Entre elas, a sesión da aula de Catas da Consellería do Mar, titulada “Galicia saber Amar. Ribeira Calidade: lirio e sardiña da OPP 83”, á que acudiron os importadores e distribuidores alimentarios presentes nos Encontros de Compradores Internacionais de Salimat.

Tamén este mediodía concluíron estas mesas de negocio de Salimat Abanca e as de Turexpo Galicia, as cales conxuntamente celebraron con éxito máis de 3.700 reunións con 63 compradores alimentarios e operadores turísticos de 21 países.

Por outra banda, tendo en conta os días lectivos nos centros de ensino, realizáronse distintas actividades divulgativas e formativas para escolares, como demostracións de agility, mostra de pegadas de especies cinexéticas ou talleres de pintura en Fecap Abanca, proxeccións interactivas sobre o porco celta na área gandeira ou talleres de cociña en Salimat Abanca, entre outras.

As actividades máis lúdicas, a partir de mañá

Abanca Semana Verde 2026 pon en marcha mañá o seu programa orientado a todos o públicos, o cal se estenderá ata o domingo e incluirá desde competicións caninas ou exhibicións ecuestres ata shows de motor ou máis diversidade de showcookings, catas e tanto exhibicións como degustacións de numerosas festas de interese turístico galegas.

>>> + FOTOS