Axudas Next Generation á agricultura e gandería, razas autóctonas e sector porcino, nas xornadas de hoxe da feira Abanca Semana Verde

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • TRAS NON CELEBRARSE CONFERENCIAS NA PASADA EDICIÓN, O CERTAME VOLVE A INCLUÍLAS NO SEU PROGRAMA CON TEMAS DE GRAN INTERESE PARA O SECTOR AGROGANDEIRO
  • MAÑÁ ABORDARASE O IMPACTO DA EXPANSIÓN DA AVESPA VELUTINA EN GALICIA

A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra desde onte e ata o próximo domingo, volve incluír conferencias no seu programa de actividades. E faino con temas de gran interese para o sector agrogandeiro.

O XXIV Monográfico Porcino foi a primeira delas, celebrada esta mañá baixo o título “Novidades e retos inminentes para o sector porcino”. Organizado pola Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino (ADSGP) de Silleda, foi presentado por Pablo Meijomín Fidalgo, presidente desta entidade.

Comezou abordando o sistema integral de xestión das explotacións (SIGE). Os aspectos de sanidade animal, seguridade alimentaria e benestar animal foron debullados por Jesús Javier Orejas Fernández, xefe do Servizo de Sanidade Animal da Subdirección Xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural. Pola súa banda, o plan de xestión ambiental e de loita contra o cambio climático explicouno Nicasio Mejuto Martí, subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural. A continuación, tratouse a optimización do uso de antibióticos na práctica. O encargado foi Lorenzo Fraile, profesor agregado da Universidade de Lleida (epidemiología e farmacoloxía).

Tamén esta mañá tivo lugar a xornada “Axudas Next Generation á Agricultura e á Gandería”, organizada por ABANCA e conducida por Mónica Gondar, directora da Unidade de Negocio de Next Generation de ABANCA.

A segunda das xornadas centrouse esta tarde nas razas autóctonas, estando organizada pola Federación de Razas Autóctonas Españolas (Federapes).  Así, o primeira dos relatorios centrouse na nova PAC e as razas autóctonas e foi conducido por José Manuel Maraculla Lacambra, director técnico da Asociación de Criadores de Raza Bovina Parda de Montaña (ARAPARDA), vicesecretario xeral de FEDERAPES e presidente de UGAVAN – Unión de Ganaderos de Vacas Nodrizas. A segunda titulouse “Poxas gandeiras con Razas Autóctonas. Experiencia coa raza Asturiana de los Valles”, sendo abordadas por José Alfredo Vázquez, responsable da Xestión do Libro Xenealóxico da raza Asturiana de los Valles e responsable de feiras e eventos de ASEAVA (Raza Asturiana de los Valles).

Impacto da velutina

Por outra banda, mañá levarase a cabo unha xornada promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Desde unha perspectiva divulgativa e apoiándose no coñecemento e traballos de investigadores do Proxecto Atlantic Positive, tratará o impacto da expansión desta especie invasora en Galicia.

A xornada comezará coa presentación do Proxecto Atlantic Positive de preservación de servizos de polinización e control da avespa velutina na área atlántica, para logo desenvolver o ciclo vital da avespa velutina, o impacto sobre a biodiversidade e os polinizadores, os efectos do trampeo non selectivo sobre a entomofauna autóctona e o control da especie con métodos alternativos ao trampeo non selectivo. Sandra Rojas Nossa, doutora en Bioloxía, investigadora na Universidade de Vigo e apicultora, será quen aborde estes temas.

Pola súa banda, Xulio Maside Rodríguez, doutor en Bioloxía, investigador en CIMUS/USC e apicultor, falará sobre a orixe xenética da invasión da avispa velutina en Europa e outros efectos desta especie en polinizadores silvestres e na apicultura: parasitos. Tamén explicará métodos alternativos ao trampeo non selectivo.