- TAMÉN AUMENTA NESTA XORNADA O NÚMERO DE SHOWCOOKINGS E CATAS OU AS EXHIBICIÓNS DE CETRERÍA
- O CERTAME CONTINUARÁ MAÑÁ CON GRAN CANTIDADE DE ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS
Silleda, 1 de xuño de 2024.- A 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá domingo, puxo en marcha hoxe o seu programa máis lúdico. E fíxoo multiplicando as propostas das súas distintas áreas e salóns e incluíndo algunhas con gran espectacularidade.
Así, ademais de distintas exposicións e actividades programadas para todos os días, hoxe incorporáronse novas propostas destinadas ao público xeral. Entre elas destacaron as ecuestres, como o X Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, un morfolóxico de cabalos árabes con gran participación que continúa mañá, e un taller sobre coidados do poni. Centrado en exemplares de Pura Raza Galega tamén se levou a cabo o Concurso Morfolóxico Oficial, unha vistosa exhibición de rapa das bestas nun curro con eguas do monte e varios grupos de aloitadores e unha demostración de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”.
En canto ás caninas, realizouse unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina, ademais de demostracións de agility (axilidade canina) e desenvólvese a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade.
Por outra banda, comezaron os shows de motor cunha espectacular proposta que estará integrado por sete vehículos e un trío de pilotos, dous especialistas de cinema en moto que participaron en películas como Misión Imposible 7 e tamén a única muller española que realiza espectáculos acrobáticos con motos de alta cilindrada. Ademais, durante todo o día desenvólvese o V Open Internacional de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia, no cal participan 165 xadrecistas.
Salimat, Turexpo e Fecap
As actividades relacionadas cos outros tres salóns paralelos á feira Abanca Semana Verde de Galicia tamén se intensificaron hoxe. Así, en Turexpo Galicia e Festur leváronse a cabo actividades relacionadas con festas de interese turístico, como demostracións das palilleiras de Camariñas ou degustacións como a do Pan de Cea, Patacas de Coristanco en distintas elaboracións ou Queixo de Arzúa. Sumouse o VII Encontro de Bloggers de Turismo, que nesta ocasión contou con dezaseis creadores de contido de Loves Galicia, El Mundo en Dos Mochilas, Galicia.angibaldrich, Gato Vadio Travel Blog, Caminando.sola, Pasear Galicia, Viajo Como Quiero, Cristabel de Viaje, Gallego Viaxeiro e Puertas al Mundo.
En canto a Salimat Abanca, desenvolvéronse numerosas propostas, como degustacións a cargo dos centros de formación profesional de hostalería e turismo e industrias alimentarias organizadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e varias sesións da aula de Catas da Consellería do Mar, entre elas “Os océanos, a nosa gran despensa” e “Mexillón de Galicia”. Tamén se celebraron “Experiencias de Calidade” organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), como a “Cata de viños galegos tintos premiados nas Catas de Galicia 2023” ou a presentación e degustación de produtos agroalimentarios organizada por Economía Social de Galicia no stand da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Así mesmo, destacaron os showcookings realizados na Terraza Salimat, entre eles o centrado en produtos de Galicia amparados baixo o selo “Artesanía Alimentaria” a cargo de Julio Mato, chef do Programa de TVG “A Voltas co Prato”, ou o da chef cunha Estrela Michelín e dous Soles Repsol Lucía Freitas, de A Tafona e a Barra Gastronómica Lume. Súmanse gran cantidade de showcookings, catas e degustacións nos distintos stand, ademais do IX Encontro Gastroblogger, no que participaron catorce creadores de contido gastronómicos como son La Cocina de Frabisa, La Morrofino, Ruido en la Cocina, Rutas y Restaurantes, Loves Galicia, Yo Cociño Tú Miras, Secret Galicia e Turvegal
En canto á feira de caza, pesca e natureza, desenvolvéronse exhibicións de voo con aves de cetrería ou unha exhibición de cans de raza pointer inglés. Ademais, intensificáronse as actividades de tiro con arco e non deixou de funcionar o simulador Sim Way Hunt, un sistema virtual para aprender e adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento.