- OS ENCONTROS INTERNACIONAIS DOS SECTORES ALIMENTARIO E TURÍSTICO XA CELEBRAN AS SÚAS REUNIÓNS CON COMPRADORES E TUROPERADORES DE 21 PAÍSES DIFERENTES
- SUMÁNSE AO PROGRAMA SHOWCOOKINGS DESTINADOS A IMPORTADORES, CONCURSOS MORFOLÓXICOS ORIENTADOS Á MELLORA DAS RAZAS AUTÓCTONAS DE GALICIA EN PERIGRO DE EXTINCIÓN OU CONFERENCIAS DO SECTOR GANDEIRO, ALIMENTARIO E DA BELEZA
Silleda, 5 de xuño de 2025.- A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, inaugurada hoxe nun acto no que participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, arrincou esta mañá coas súas propostas máis profesionais.
Así, esta cita, que alcanza a súa mellor cifra de expositores directos do últimos dezaoito anos e é a máis internacional dos últimos vinte, mostra xa as propostas de 758 expositores directos de oito países, mentres que no seu programa de actividades desenvolve xa as súas propostas máis profesionais.
Entre estas actividades destacan as mesas de negocio dos salóns de alimentación e turismo, onde participan máis de 60 compradores e operadores turísticos de 21 países distintos.
Así, no Salón de Alimentación do Atlantico, Salimat Abanca, comezaron os seus Encontros Internacionais de Compradores, que reúnen a 31 importadores e distribuidores de Alemaña, Austria, Bulgaria, Costa Rica, Dinamarca, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza. Estes buscan xa proposta entre os expositores para incluílas na súa carteira de produtos ou lineais de supermercados.
Pola súa banda, a Bolsa de Contratación Turística de Turexpo Galicia conta con 32 operadores turísticos con presenza en Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal e, por primeira vez, Indonesia e Serbia. Estes operadores coñecerán as propostas de empresas do sector do turismo e tamén destinos que incorporarán ás ofertas que farán aos seus clientes.
Conferencias, showcookings e morfolóxicos
Ademais destas mesas de negocio, en Salimat Abanca tamén se están celebrando outras actividades destinadas a profesionais, como showcookings de produtos de calidade, catas comentadas ou demostracións de coctelería a cargo do campión nacional absoluto do Campionato Monin Interescuelas 23, Joel Forján. Sumouse neste salón a conferencia “Intelixencia artificial: Experiencias á carta. Mellora as túas reservas e facturación”.
Na área de gandería celebráronse os concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, onde se elixiron os mellores exemplares co obxectivo de promocionar estas razas e incentivar aos criadores á súa mellora xenética. Así mesmo, tamén nesta área tivo lugar a xornada “Evento Geronimo Stakeholder 2025”, organizada pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), onde se presentou a epixenética na cría de animais e expuxéronse experiencias de criadores de razas locais a través de relatorios sobre recuperación das razas autóctonas españolas e galegas, a “Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia” e tamén “Bio4trace: biotecnoloxía para a rastrexabilidade e a selección xenética en razas minoritarias españolas”.
Por outra outra banda, na primeira edición do salón de beleza e estética Intermax Beauty Show leváronse a cabo dúas conferencias, baixo o título “Autocuidado, benestar e oportunidade de negocio” e “Máis clientes, máis ingresos e un plan claro para deixar de improvisar.









