A feira Abanca Semana Verde arrinca mañá rexistrando a súa maior participación en 19 anos ao reunir a 793 expositores directos

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • NESTA 48º EDICIÓN ACÁNDANSE ADEMAIS RÉCORDS NOS SEUS SALÓNS DE TURISMO E ALIMENTACIÓN
  • ESTA CITA MULTISECTORIAL, QUE SE CELEBRA ATA O DOMINGO, PROGRAMARÁ TAMÉN MÁIS DE 200 ACTIVIDADES DISTINTAS, TANTO LÚDICAS COMO PROFESIONAIS

Silleda, 3 de xuño de 2026.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre mañá xoves as portas dunha 48ª edición na que volve superarse. Así, este gran certame multisectorial acada a súa mellor cifra de expositores directos dos últimos dezanove anos, estando presentes 793 empresas e entidades de seis países, un 4,6% máis que o ano pasado. A eles súmanse 423 firmas representadas, un 16,2% máis, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 28 países. En canto á súa superficie neta, ascende a 25.003 metros cadrados, que sumados aos correspondentes ás actividades son máis de 75.500 brutos.

Ademais, a feira rexistra de novo marcas nos seus salóns de turismo e alimentación. Así, Turexpo Galicia chega aos 129 expositores, un 12% máis que o ano pasado, e aos 1.634 metros netos de superficie, case un 1% maior que na súa mellor edición. Pola súa banda, Salimat Abanca alcanza 297 expositores, un 3,1% máis que en 2025.

O certame destacará unha vez máis pola súa gran diversidade. Así, non só volverá contado cos seus salóns de alimentación, turismo, caza, pesca e natureza e tamén beleza desde a pasada edición, senón que incluirá gandería, bioenerxía, pequena maquinaria, ferramenta, mobiliario ou artesanía, entre moitos outros sectores. Unha proposta expositiva cun gran atractivo que tamén se traslada ao seu amplo programa, con actividades tanto para profesionais como para público xeneral.

Os asistentes poderán acceder de forma gratuíta por décimo sexto ano consecutivo. Só se abonará o aparcadoiro, cun módico prezo de 3€ destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.

Máis de 200 experiencias en catro días

Volverá destacar a súa programación, con máis de 200 actividades distintas que serán auténticas experiencias. Moitas repetiranse ao longo da feira e haberá novidades.

Salimat Abanca será de novo punto de encontro do sector alimentario e gastronómico. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), permitirán a empresas reunirse con 31 importadores e distribuidores de 15 países, mentres que a súa área Alinova mostrará máis de 50 innovacións, algunhas tan orixinais bombóns de queixo e viño ou aceite infusionado con chocolate Dubái. Ademais, no seu programa haberá numerosas catas, showcookings con reputados chefs, talleres de cociña, o concurso popular de tortilla española, o Encontro de Creadores Dixitais ou conferencias sobre temas como “O afumadoiro como laboratorio: redes de sensores para a vixilancia continua do secado-maduración e a redución de HAPs en chourizo galego”.

Turexpo Galicia e Festur, celebradas co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán con empresas e entidades do sector turístico entre as que destacan novas participacións e tamén 50 concellos que promocionarán 66 festas galegas de interese turístico, a maior cifra deste evento. Na súa vertente profesional inclúese o seu Encontro de Creadores Dixitais e destacará a Bolsa de Contratación Turística, con 32 operadores turísticos con presenza en 13 países que buscarán propostas.

En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, ofrece un interesante programa, con propostas como unha gran mostra de cans de caza con máis de 500 exemplares das mellores razas de Europa e Estados Unidos, monográficos das razas Grifón Nivernais e tamén Beagle, Beagle-Harrier e Harrier, exhibicións de cetrería e tiro con arco, un simulador, unha exposición de trofeos de caza, numerosas demostracións de montaxes de mosca para pesca, exhibicións de diferentes técnicas de lance con reclamos ou a presentación do libro “A mosca de salmón”.

Pola súa banda, na segunda edición de Intermax Beauty Show destacará “A gran batalla”, unha competición na que participarán barbeiros e barbeiras de distintos puntos de España e Portugal en catro categorías e que repartirá máis de 10.000 euros en premios. Sumaranse numerosos talleres de styling masculino e feminino con oito multipremiados expertos en salón de peiteado e estética, cuxa realización ou resultado será mostrado nun escenario con pasarela.

As actividades caninas e ecuestres volven ser outro dos atractivos do programa, podendo desfrutar no caso das primeiras con competicións de axilidade canina (agility), propostas do Can de Palleiro ou unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina. Nas ecuestres incluirase o XIII Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, un taller sobre “Coidados do poni” ou un novo e sorprendente espectáculo, “A lenda do paxaro azul”, con 25 animais en escena, entre eles cabalos, ponis, aves rapaces, cans checoslovacos e diversas especies exóticas, con números de doma en liberdade que combinará a alta escola con exercicios tan arriscados como a “posta húngara”.

Na área gandeira destacarán as razas autóctonas de Galicia, con exposicións e concursos morfolóxicos, unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra con cabalos de Pura Razas Galega, ou exhibicións de “aloitadores” que realizarán unha rapa das bestas con eguas de Pura Raza Galega. Así mesmo, doutras razas, contará cunha ampla mostra de ovino selecto. Sumarase a presentación da Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas (Ferampor), o XXVIII Monográfico de Gando Porcino e numerosas xornadas técnicas, baixo títulos como “Impulso á dixitalización e sustentabilidade no sector agrogandeiro”, “Retos e oportunidades da valorización enerxética en explotacións gandeiras”, “O reto do traballador no agro galego: oportunidades para o futuro do sector”, “Escola de pastores” ou “Retos e situación actual da produción de porcino con raza autóctona en sistemas semi extensivos en Galicia”

Sumaranse outras propostas lúdicas de gran interese como talleres para os máis pequenos, a XI Carreira Popular, o VII Open de Xadrez, actividades multiaventura ou shows de motor nos que regresa ao recinto a versión máis extrema do motocrós, con catro pilotos internacionais e nos que se poderán ver saltos e acrobacias utilizando unha rampla coa que alcanzarán 12 metros de altura.