- A ASISTENCIA DE PROFESIONAIS OS DOUS PRIMEIROS DÍAS AUMENTOU RESPECTO A ANOS ANTERIORES, SE BEN O PÚBLICO XERAL EN BUSCA DE PROPOSTAS LÚDICAS FOI MENOR DEBIDO A UNHA GRAN OFERTA DE EVENTOS E FESTIVIDADES DURANTE A FIN DE SEMANA E TAMÉN A UNHAS CONDICIÓNS METEOROLÓXICAS QUE PERMITÍAN ESCOLLER OUTRAS PROPOSTAS DE LECER VINCULADAS ÁS ALTAS TEMPERATURAS
- DE FORMA XERALIZADA OS EXPOSITORES VALORAN POSITIVAMENTE ESTA CITA, TANTO POLOS EXCELENTES RESULTADOS NAS MESAS DE NEGOCIO DE ALIMENTACIÓN E TURISMO COMO POR TERSE MANTIDO RESPECTO A EDICIÓNS ANTERIORES UN ALTO NIVEL DE VISITAS NOS STANDS
Silleda, 2 de xuño de 2024.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos Salimat Abanca, Turexpo Galicia, Festur e Fecap Abanca pecharon hoxe as súas portas tras cadro días nos que negocio e lecer se uniron tanto na súa área expositiva como no seu programa de actividades.
A falta de dúas horas para o seu peche (19.00h), o certame recibiu desde o pasado xoves 80.860 visitantes, os cales foron rexistrados a través dun sistema de cámaras con software intelixente situadas nas entradas ao recinto que permite obter cifras totais de asistencia con maior precisión e cuxo provedor é a empresa Intermax.
Esta afluencia reflicte unha asistencia de profesionais durante os dous primeiros días maior á de anos anteriores, aínda que o público xeral en busca de propostas lúdicas durante a fin de semana foi menor debido a unha gran oferta de eventos e festividades o sábado e domingo e tamén a unhas condicións meteorolóxicas que permitían escoller outras propostas de lecer ligadas ás altas temperaturas. A opinión destes asistentes volve ser satisfactoria coa proposta multisectorial da feira, a súa oferta expositiva e o seu programa de actividades.
En canto expositores, contou coa maior cifra dos últimos 17 anos, estando presentes 746 empresas de seis países, e rexistrou novos récords nos salóns de alimentación e turismo. Uns expositores que, de forma xeneralizada, valoran positivamente esta cita. Por unha banda, por manterse respecto a edicións anteriores un alto nivel de visitas nos stands, que en moitos casos volveunos a situar ao límite da súa capacidade para atender ao público. E por outra, polos excelentes resultados nas mesas de negocio de alimentación e turismo, que recibiron eloxios tamén por parte de compradores e turoperadores, con exemplos como o dun importador alemán para o que “é a mellor feira rexional de produtos gourmet” na que participou ou varios operadores turísticos que aseguraron realizar mesmo máis contactos de calidade do que esperaban, ademais de sinalar que este tipo de encontro permítelles facer “máis negocio que en eventos de Madrid, Berlín ou Londres, onde hai demasiada xente”.
O certame, que foi inaugurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou unha vez máis pola súa diversidade, tanto na súa área expositiva como no seu programa de actividades.
Un programa que non deixa de sorprender
Nesta edición volveu destacar o seu amplísimo programa, con máis de 200 actividades distintas, moitas das cales se repetiron ao longo do certame e entre as que houbo numerosas novidades que volveron sorprender ao público.
O salón Salimat Abanca foi de novo punto de encontro do sector alimentario e gastronómico. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), propiciaron máis de 1.300 reunións nas que 150 empresas mostraron os seus produtos a 33 importadores e distribuidores alimentarios de dezanove países. A súa área Alinova mostrou máis de 60 innovacións con gran orixinalidade mentres que no seu programa houbo numerosas catas, showcookings con reputados chefs, talleres de cociña, o concurso popular de tortilla española ou o Encontro Gastroblogger.
Turexpo Galicia e Festur, que se celebraron co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, reuniu a empresas e entidades do sector turístico, entre as que destacaron as novas participacións e tamén 41 concellos e xeodestinos que promocionaron máis de 50 festas galegas de interese turístico, a maior cifra deste evento. Na súa vertente profesional incluíuse o VII Encontro de Bloggers de Turismo e destacou a Bolsa de Contratación Turística, con 33 operadores turísticos con presenza en 11 países.
En canto a Fecap Abanca, ofreceu de novo un interesante programa, con propostas como a Mostra, Desfile e Presentación de Cans de Caza, exhibicións de cetrería e de cans de raza pointer inglés, tiro con arco, un simulador, unha exposición de trofeos de caza ou un seminario de agility.
As actividades caninas e ecuestres volveron ser outro dos atractivos do programa, podendo gozar no caso das primeiras con propostas como a Copa Federación Abanca Semana Verde de agility, propostas do Can de Palleiro ou unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina. Nas ecuestres destacou un sorprendente espectáculo de doma en liberdade con cabalos, ponis, aguias e cans que puxo hoxe o broche final ao programa da feira combinando a alta escola con exercicios tan arriscados como a “posta húngara”, na que o condutor do espectáculo se subiu a dous cabalos ao mesmo tempo cun pé no lombo (protexido) de cada un deles. Sumouse o XI Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, unha proba de obstáculos tamén desta raza de cabalos ou un taller sobre “Coidados do poni”.
Na área gandeira destacaron as razas autóctonas de Galicia, con exposicións tanto de Rubía Galega e de Galiña Piñeira como de todas as razas en perigo de extinción, realizando tanto estas últimas como a Galiña Piñeira concursos morfolóxicos, ademais do IV Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta, unha exhibición de doma de alta escola con cabalos de Pura Razas Galega e exhibicións de aloitadores con eguas de Pura Raza Galega. Así mesmo, contou con impresionantes bois de razas autóctonas e portuguesas, unha exhibición de tiro con carro tradicional galego, o XXVI Monográfico de Gando Porcino ou a xornada informativa “Programa Re-acciona Igape”.
Sumáronse talleres, como os da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e outras propostas lúdicas de gran interese como unha exposición de dinosauros animatronics, a IX Carreira Popular, o V Open de Xadrez, realización de esculturas con motoserra, actividades multiaventura ou shows de motor.