- DETACARÁ A CELEBRACIÓN DE EXHIBICIÓNS E COMPETICIÓNS DURANTE A FIN DE SEMANA DO CERTAMEN, O CAL TERÁ LUGAR DO 2 AO 5 DE XUÑO
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia contará de novo no seu programa cun gran número de actividades caninas e ecuestres.
En canto ás protagonizadas por cans, as propostas serán moi variadas. Non faltará o agility, de man da Federación Galega de Caza, con actividades para escolares, a IX Proba da liga Autonómica de Agility e tamén a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia, tanto por equipos como individual, coa novidade de que o campión de cada categoría individual terá praza directa para o Campionato de España. Tamén esta Federación organizará a Presentación de Cans de Caza, na cal se irán mostrando de forma individual numerosos exemplares de diversas razas de caza á vez que o presentador explicará aspectos como as súas características ou utilidades.
As actividades centradas no Can de Palleiro incluirán o XVII Concurso Monográfico da raza CdP, ademais das entregas do “Palleiro de Honra”, que nesta ocasión recibe a revista Ladridos, e do recoñecemento institucional ao labor desenvolvido polo Club Raza Can de Palleiro desde 2002 (20º aniversario) na recuperación, difusión e consolidación da raza. Engadiranse os premios do concurso de fotografía Can de Palleiro.
Por outra banda, volve ao marco da feira o Concurso Nacional Canino Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, certame de beleza que celebra a súa 16ª edición e que organiza a Sociedade Canina Galega. Ademais, por primeira vez celébrase o Concurso Monográfico do Club Español do Grifón Nivernés, e repite a Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Mariña cunha exhibición.
O concurso de cabalos árabes, único en España en 2022
O certame tamén contará cun interesante programa ecuestre. Destacará o IX Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C e organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA). Un concurso morfolóxico que será o único con categoría internacional que se celebra este ano en España. Nel escolleranse o Mellor Puro Exipcia femia e macho, Mellor Puro Spanish femia e macho, Mellor Poldra, Poldro, Egua e Semental nado en Galicia e exemplar nado en Galicia coa máis alta puntuación. Así mesmo, recoñecerase a Mellor cabeza, Mellores movementos e Mellor presentador, amateur e profesional. O équido con maior puntuación será merecedor do Best in Show, mentres que mellor exemplar entre os gañadores das distintas categorías será o Campión Absoluto.
Entre as propostas ecuestres tamén se incluirá a presentación “O cabalo de pura raza galega, doma e morfoloxía. A nosa raza”, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego en colaboración co programa FEADER, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura, e tamén o taller sobre “Coidado e ferraxe do pé do cabalo”. Sumarase o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga).









