As razas autóctonas galegas en perigo de extinción amosaron hoxe a súa mellor xenética nos concursos da feira Abanca Semana Verde 2026

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • CELEBRÁRONSE ESTA MAÑÁ NO MARCO DESTE CERTAME MULTISECTORIAL, EN CUXA EXPOSICIÓN SE PODEN VER ESTES ANIMAIS ATA O VINDEIRO DOMINGO

Silleda, 4 de xuño de 2026.- A 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra desde hoxe ata o domingo, foi esta mañá marco de dez concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, os cales estiveron organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).

En canto aos concursos das bovinas, participaron 80 exemplares de preto dunha vintena de ganderías galegas en cinco concursos morfolóxicos. No XIII da Raza Cachena o primeiro posto foi para Truana 19, de Finca A Ferreira, de Val do Dubra (A Coruña), o segundo para Candela de María Rebeca Yáñez, de Ortigueira (A Coruña), e o terceiro para Brianda, de Cachenas de San Breixo, de Triacastela (Lugo).

No XII da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, de Martín Lago, de Outes (A Coruña), mentres que o segundo o conseguiu Vetriosa, de María Concepción Gómez, de Maceda (Ourense).

En canto ao XI de Caldelá, gañou Cudaña, de Gandería Torre TC, de Pedrafita do Cebreiro (Lugo), sendo a subcampioa Cerilla I, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense). O terceiro posto conseguiuno Cebada, de Alejandro Salvatierra, de A Pontenova (Lugo).

No X Concurso Morfolóxico da Limiá, o pódium estivo composto por Lulita, de Gandería López Candia TC, de Cervo (Lugo); Rubia, de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña) e Lucía, de Gandería Costoya SC, de Mesía (A Coruña).  Xa no VIII da Frieiresa a campioa foi Fani, de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e a subcampioa foi Fervenza, de Gonzalo Seoane, de Vilalba (Lugo).

En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 11º Campionato Galego, no que participaron 120 exemplares adultos de vinte e catro criadores de distintos puntos de Galicia. Na súa sección por lotes, o gañador foi un de Óscar Rodríguez, de Mos (Pontevedra); o segundo un de José Luis Freire, de Pol (Lugo), e o terceiro un de Celso Parada, de Mos (Pontevedra).

De forma individual, en galos venceu un exemplar de Luis Fernández, de Riotorto (Lugo), seguido dun de José Herminio Lorenzo, de Sarreaus (Ourense) e outro de María Carmen Fernández, de Betanzos (A Coruña).  En galiñas, o pódium foi, de primeira a terceira, para animais de José Herminio Lorenzo; José Zapata, de Castro de Rei (Lugo) e Eladio Ucha, de Meis (Pontevedra).

As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a sexta edición da súa competición, con vinte e cinco exemplares de sete criadores. En canto ao da Ovella Galega, centrado en femias maiores de 24 meses, o primeiro posto foi para unha ovella de Sandra López, de Láncara (Lugo); o segundo para unha de “Finca a Tellada”, de Nogueira de Ramuín (Ourense) e o terceiro para unha Álvaro Rodríguez, de Mos (Pontevedra). Respecto ao de Cabra Galega, no que tamén competiron femias maiores de 24 meses, a campioa foi un exemplar de María Teresa López, de Cerdido (A Coruña), mentres que a subcampioa foi un de Dolores García, de Toques (A Coruña).

En canto ao VIII Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou con máis de 50 animais dunha vintena de ganderías das catro provincias galegas. Na categoría de machos reprodutores venceu un de José Antonio Fernández, de Ribadeo (Lugo), seguido dun de José Vega, de Castro de Rei (Lugo) e doutro de Fernando Calviño, de Vila de Cruces (Pontevedra).

En femias reprodutoras a vencedora foi unha porca propiedade de Óscar Santos, de Friol; á que seguiron unha de Fernando López, de Mondoñedo (Lugo) e outra de María Fraiz, de O Carballiño (Ourense). En canto a recría, o pódium estivo composto, de primeiro a terceiro, por exemplares de Juan Rodríguez, de Negreira (A Coruña); Héctor Regueira, de A Laracha (A Coruña) e Víctor Piñeiro, de Cospeito (Lugo).

Respecto ao Cabalo de Pura Raza Galega, levará a cabo o seu concurso morfolóxico o vindeiro sábado, tamén no marco da feira.