- NO IV CONCURSO MORFOLÓXICO DESTA RAZA ESTÁN INSCRITAS MÁIS DE 30 GANDERÍAS, UNHA CIFRA RÉCORD, MENTRAS QUE NO III DE MANEXO PARTICIPARÁN SHAKIRA, PANTALONES, ASIA, BREOGÁN, MAKELELE E KININ COS SEUS PROPIETARIOS
- A ESTAS COMPETICIÓNS SUMARASE UNHA MOSTRA DE ANIMAIS E A PRESENZA NA ÁREA EXPOSITIVA DO SALÓN ALIMENTARIO SALIMAT ABANCA
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 2 ao 5 de xuño na Feira Internacional de Galicia ABANCA, é de novo o evento escollido pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) para celebrar dous dos seus concursos máis relevantes.
Tras o gran éxito das dúas primeiras edicións, o domingo 5 de xuño levarase a cabo o III Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta, consistente en dirixir un exemplar de porco celta por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo, e pasando por distintos espazos, como unha zona que simula unha manga ou entre dous valos facendo zig zag. Shakira, Pantalóns e Asia, que xa participaron nalgunha ocasión, e Breogán, Makelele e Kinin, que debutan no Concurso, son ata o de agora os rexistrados, procedentes de Vila de Cruces, Friol, Castro de Rei, Mondoñedo e Oza-Cesures.
Así mesmo, o porco celta protagonizará o cuarto Concurso Morfolóxico celebrado no certame, no que participarán exemplares de máis de 30 ganderías das catro provincias galegas, o que supón o maior número presente nesta competición. Incluirá as categorías de machos, femias e animais de recría.
Esta raza autóctona galega en perigo de extinción contará tamén cunha ampla exposición de animais na que ademais dos participantes no morfolóxico, se mostrarán exemplares do rabaño do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).
Salón de alimentación
Ademais da súa presenza na área de gandería, o porco celta tamén participará no salón alimentario Salimat Abanca, enmarcado na feira Abanca Semana Verde. Asoporcel contará cun espazo informativo e un divertido photocall para realizarse fotografías, mentres que catro operadores autorizados no uso do Logotipo 100% raza autóctona celta terán o seu propio stand para presentación, degustación e venda de produtos. Estes serán Embutidos Hermelino, Cooperativa Tres Fuciños, Cárnicas Domínguez e CienporCel.
Así mesmo, esta raza formará parte dos menús degustación que ofrecerá o restaurante Tapirazas.