A diversidade de razas e propostas marcan a área gandeira de Abanca Semana Verde 2026, na que non faltarán concursos, exhibicións e conferencias

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • AS AUTÓCTONAS EN PERIGO DE EXTINCIÓN TERÁN GRAN PROTAGONISMO, SE BEN TAMÉN HABERÁ OUTRAS RAZAS GALEGAS E SELECTAS
  • SERÁN MOITAS AS ACTIVIDADES DESTE SECTOR NO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 4 AO 7 DE XUÑO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 28 de maio de 2026.- A 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará entre o 4 e o 7 de xuño, contará na súa área gandeira con multitude de actividades, moitas centradas nas razas autóctonas galegas.

En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e as súas asociacións integradas e tamén da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Destacarán as súas exposicións e concursos morfolóxicos. En canto a estes últimos, terán lugar o 6º Concurso da Ovella e Cabra Galegas, con 25 exemplares de sete ganderías, o 8º do Porco Celta, con máis de 50 exemplares de máis dunha trintena de ganderías (a maior cifra ata o de agora), o 11º Campionato da Galiña de Mos, que inclúe o 17º Concurso Monográfico e a 13ª Exposición e Concurso por lotes e que reunirá a 120 exemplares adultos, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega. Das bovinas celebraranse cinco competicións con 80 exemplares de vinte criadores, as cales serán o 13º Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o 12º da Vianesa, 11º da Caldelá, 10º da Limiá e o 8º da Frieiresa. Ademais, de Galiña de Mos haberá de novo un mercado de aves vivas con máis de 1.000 pitos á venda.

Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades. Centrada no Cabalo de Pura Raza Galega, e de man de Puraga celebrarase unha rapa das bestas con eguas de monte nun curro e a participación de varios grupos de aloitadores. Sumarase unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega da sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”.

Ademais, presentarase a Federación Española de Razas Minoritarias Porcinas (Ferampor), con representación da raza Porco Celta e das Gochu Asturcelta, Euskal Txerria, Porc Negre Mallorquí, Chato Murciano e Cocho Negro Canario.

As razas autóctonas en perigo de extinción tamén estarán no salón alimentario Salimat Abanca. Participarán produtores con 16 marcas comerciais “Gandería Balín”, “Cachenas de San Breixo”, “Gandaría e Carnicería Lage”, “Aves do Concello”, “Churras da Caneira Lourdes Mulet”, “Montes de Boado-Manuel Teijeiro Castillo”, “Granxa Aeiroá”, “O Agro – Roberto Louzán”, Marta Carballo Álvarez con “Cachenas de Antía” e “Frieiresas dos Ancares”, “CMF Celtaporc”, “Cooperativa Tres Fuciños”, “Celtagal”, “CienporCel”, “Cárnicas Teijeiro” e “Produtos Cárnicos Domínguez”

Así mesmo, volverá o restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base destas razas. “Arroz mar e montaña con touciño entrefebrado de Porco Celta,” “Mini cachopín das razas Freiresa e Limiá recheo de pemento asado e queixo” ou “Gallo de Galiña de Mos estufado ao xeito tradicional” serán algunhas propostas, elaboradas por Antonio Díaz Calvo, do Restaurante AUTGA-Autóctonas.

Outras razas

Haberá outras razas autóctonas, como a Galiña Piñeira, que repetirá na feira concurso monográfico de man da Asociación Galega da Galiña Piñeira (Agalpi), e tamén o Can de Palleiro, cuxo Club celebrará un Monográfico e entregará o seu “Palleiro de Honra”, entre outras propostas.  Así mesmo, estará a Rubia Galega, cunha exposición de preto de corenta animais, organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga).

A estas sumaranse outras razas. Así, a Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) mostrará algúns exemplares. Pola súa banda a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) realizará unha mostra de ovino selecto na que se poderán ver exemplares de Texel Azul, raza que deriva da Texel que é orixinaria da illa de Países Baixos do mesmo nome, da inglesa Suffolk e das francesas Charolesa, Ille de France e Inra 401.

Monográfico porcino e máis conferencias

As xornadas do sector agrogandeiro terán gran peso na feira. Así, celebrarase o XXVIII Monográfico de Gando Porcino, de man da Asociación de Defensa Sanitaria de Silleda. Abordará a evolución do sector porcino a nivel internacional, a situación actual en España e a economía do sector en tempos de peste porcina africana. Así mesmo, haberá unha mesa redonda sobre horizontes e retos do porcino galego.

A Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) realizará cinco xornadas con presentación de proxectos innovadores nos sectores agrícola, gandeiro e forestal: “Valorización de subprodutos agrogandeiros: claves para unha economía circular sostible”, “Solucións innovadoras no sector agrícola para mitigar os efectos do cambio climático” “Innovación forestal: aplicación de novas estratexias na xestión de recursos”, “Aplicación de estratexias innovadoras no ámbito vitivinícola” e “Impulso á dixitalización e sustentabilidade no sector agrogandeiro”.

Por outra banda, Ovica organiza dúas charlas. Nunha informará sobre a “Escola de pastores”, proxecto dirixido a iniciarse na cría de ovino e caprino que pretende fomentar a remuda xeracional e a profesionalización deste sector. A outra sobre “Testaxe de machos”, proxecto que responde a un servizo moi demandado polos profesionais do sector, que permitirá determinar o estado inicial das cabanas de ovino e caprino, fertilidade e conformación, sendo gratuíto durante a duración do proxecto.

Ademais, a Plataforma de Porcino de Cría Tradicional realizará unha xornada para expor os obxectivos da entidade e os retos e situación actual da produción de porcino con raza autóctona en sistemas semiextensivos en Galicia, mentres que Nudesa reunirá aos seus distribuidores nun encontro no que aprenderán de manexo e alimentación de vacún, porcino e avicultura e coñecerán o novo penso para mascotas da firma, a cal lles facilitará tamén ferramentas de mercadotecnia e vendas que lles axudarán no día a día cos seus clientes.