Máis de 3.700 citas e resultados xa tanxibles marcan as mesas de negocio de Turexpo e Salimat con turoperadores e compradores alimentarios de 21 países

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • TIVERON LUGAR DURANTE O DÍA DE ONTE E A MAÑÁ DE HOXE NO MARCO DO SALÓN TURÍSTICO DE GALICIA E O SALÓN DE ALIMENTACIÓN DO ATLÁNTICO, OS CALES SE CELEBRAN XUNTO Á FEIRA ABANCA SEMANA VERDE ATA O DOMINGO

Silleda, 5 de xuño de 2026.- O XV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e o 29º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, celébranse desde onte e ata o domingo no marco da 48ª feira Abanca Semana Verde de Galicia. Dentro da súa vertente máis profesional estes certames acolleron durante todo o día de onte e a mañá de hoxe máis de 3.700 reunións nas súas mesas de negocio. Nelas máis de 290 empresas e entidades mostraron as súas propostas a 63 operadores alimentarios e turísticos de 21 países distintos.

Así, o Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, celebrou a súa recoñecida Bolsa de Contratación, a cal, co apoio da Axencia Turismo de Galicia, volveu converterse nunha efectiva plataforma comercial para o sector coa celebración de máis de 2.500 reunións. Nelas 160 empresas puideron mostrarlles as súas propostas a 32 operadores turísticos de, finalmente, doce país, dous máis que o ano pasado, os cales son Alemaña, Brasil, EE.UU, España, Irlanda, Finlandia, Indonesia, México, Portugal, Polonia, Reino Unido e Suíza. Na súa maioría tratábase de axencias tradicionais ou  de “incoming” (axencias de receptivo especializados en destino España e Portugal que traballan para emisores doutros mercados) que buscaban propostas diversas, desde turismo gastronómico ata sostible ou educativo, destacando nesta ocasión os interesados en turismo activo, de natureza e, sobre todo, turismo relixioso e Camino de Santiago. Unha notable presenza a destes últimos na que a organización da Bolsa tivo moi en conta a celebración do Xacobeo 2027.

Estes operadores turísticos expresaron á organización a súa grata sorpresa por realizar tantos contactos de interese nunha feira como Turexpo, fronte a eventos de maiores dimensións nos que, a pesar do seu tamaño, ou precisamente polas súas dimensións, non son tan efectivos neste sentido. Un aspecto que se repite nos últimos anos. En canto ás empresas participantes na Bolsa, destacaron que as súas expectativas de negocio son altas e agradeceron á feira a posibilidade de contar cunha plataforma de negocio destas características.

Pola súa banda, o Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, acolleu os seus Encontros Internacionais de Compradores, un espazo que facilita ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países. Neles leváronse a cabo preto de 1.200 reunións nas que máis de 130 empresas mostraron os seus produtos a 31 importadores e distribuidores alimentarios de quince países, como son Austria, Bélxica, Canadá, Colombia, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Irlanda, México, Panamá, Reino Unido, República Checa, Romanía, Suíza e, como debutante, Honduras.

O peso dos compradores internacionais aumentou nesta edición respecto ás anteriores. Así, deles, vinte e seis eran importadores e os restantes, compradores nacionais, correspondéndose con cinco importantes cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés, Lidl e, por primeira vez, Grupo Cuevas.

As opinións expresadas polos compradores coinciden en que os produtos presentes son eran moi interesantes e de gran calidade, recibindo a organización un feedback moi positivo. Pola súa banda, tanto grandes empresas cuxa intención é exportar a outros países como pequenos produtores, mostráronse satisfeitos. En canto a estes últimos mostráronse moi compracidos por poder reunirse con perfís da distribución alimentaria nacional moi atractivos, como responsables de compras. Unha satisfacción por unha e outra parte que tivo como resultado un número de negocios xa pechados en feira tan alto que é moi pouco habitual neste tipo de encontros.

Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2026, que se converteron unha vez máis nunha eficaz ferramenta de venda, contaron co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración da Agrupación industrial Alimentaria de Galicia.

Fam trip

A estas mesas de negocio engádese unha pequena viaxe de familiarización no que participará a maioría de operadores turísticos asistentes á Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia e tamén algúns dos compradores que acoden aos Encontros Internacionais de Salimat Abanca.

Comezará esta tarde cunha visita ao Pazo do Faramello, situado sobre o canón do río Tinto, no lugar de Faramello municipio de Rois. Xa mañá coñecerán Cambados, onde terán a oportunidade de acudir ao Pazo de Fefiñás & Gil de Armada e tamén ao xardín da Fundación Manolo Paz. Logo acudirán á adega Terras de Asorei, no concello de Meis, onde comerán, e finalmente descubrirán o Pazo Quinteiro da Cruz e o seu xardín de Excelencia Internacional, situado en Ribadumia. Finalmente, o domingo visitará Santiago de Compostela e a súa catedral.

>>> + FOTOS