A feira Abanca Semana Verde 2023 multiplica hoxe o seu programa sumando numerosas propostas ecuestres, caninas e de motor

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • TAMÉN AUMENTA NESTA XORNADA O NÚMERO DE SHOWCOOKINGS E CATAS OU AS EXHIBICIÓNS DE CETRERÍA
  • O CERTAME CONTINUARÁ MAÑÁ CON GRAN CANTIDADE DE ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

Silleda, 10 de xuño de 2023.- A 45ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá domingo, puxo en marcha hoxe o seu programa máis lúdico. E fíxoo multiplicando as propostas das súas distintas áreas e salóns.

Así, ademais de distintas exposicións e actividades programadas para todos os días, hoxe incorporáronse novas propostas destinadas ao público xeral. Entre elas destacaron as ecuestres, como o IX Galician Championship E.C.A.H.O Internacional   C, un morfolóxico de cabalos árabes que é un dos dous únicos con categoría internacional celebrado este ano en España e que continúa mañá. Centrado en exemplares de Pura Raza Galega tamén se levou a cabo o Concurso Morfolóxico Oficial e unha presentación sobre “Doma e Morfoloxía. A nosa Raza”, ademais dunha exhibición sobre coidados do poni. En canto ás caninas, realizouse unha exhibición da Unidade Cinológica del Tercio Norte de Infantaría de Marina, ademais de exhibicións de agility (axilidade canina) e desenvólvese nestes momentos a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade.

Por outra banda, comezaron os espectáculos de freestyle motocrós a cargo do piloto Ángel Campos, os cales mañá contarán co pioneiro desta disciplina en Portugal, Paulo Martinho, nunha sesión de mañá e outra de tarde.

Salimat, Turexpo e Fecap

As actividades relacionadas cos outros tres salóns paralelos á feira Abanca Semana Verde de Galicia tamén se intensificaron hoxe. Así, en Turexpo Galicia e Festur leváronse a cabo actividades relacionadas coas festas de interese turístico, como demostracións das palilleiras de Camariñas ou degustacións como a do Pan de Cea, do Bonito de Burela ou a Empanada de Bandeira. Engádense talleres da Dirección Xeral de Patrimonio Natural como o denominado “O gran espectáculo da natureza” e o VI Encontro de Bloggers de Turismo.

En canto a Salimat Abanca, celebráronse numerosas propostas, como degustacións a cargo dos centros de formación profesional de hostalaría e turismo e industrias alimentarias organizadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, e varias sesións da aula de Catas da Consellería do Mar, entre elas “Os océanos, a nosa gran despensa” e “Mexillón de Galicia”, e tamén “Experiencias de Calidade” organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), como unha cata de “Viños Galegos Premiados nas Catas de Galicia 2022” ou “Mel de Galicia”.

Así mesmo, destacaron os showcookings realizados na Terraza Salimat, entre eles o realizado a cargo de Indo e Vindo Espazo Gastronómico, de Cambados. Súmase o VII Encontro Gastroblogger e o novo “Faladoiro de Salimat”, no que o chef galego Miguel Mosteiro, o vasco Diego Valdivieso e o andaluz Paco Ybarra falarán do onte e o hoxe mentres elaboran un prato de referencia nas súas vidas (enviarase nota de prensa sobre esta actividade). Súmanse gran cantidade de showcookings, catas e degustacións nos distintos stands.

En canto á feira de caza, pesca e natureza, desenvolvéronse exhibicións de voo con aves de cetrería, o II Concurso Monográfico do Club Español do Grifón Nivernés e talleres de “Autorrescate de vehículos” ou “Control de hemorraxias, aplicación práctica do torniquete, uso de axentes hemostáticos e vendaxes compresivos”. Ademais, intensificáronse as actividades de tiro con arco e non deixou de funcionar o simulador  Sim Way Hunt, un sistema virtual para aprender e adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento.