Espectaculares probas de obstáculos, obediencia ou morfoloxía, entre as actividades caninas e ecuestres da feira Abanca Semana verde

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • CELEBRANSE DUCIAS DE EXHIBICIÓNS E COMPETICIÓNS DURANTE O CERTAME, O CAL TERÁ LUGARL DO 8 AO 11 DE XUÑO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
  • UN TRAIL DE PRIMAVERA CON CABALOS DE PURA RAZA ÁRABE OU EXHIBICIÓNS DE MONDIORING SERÁN ALGUNHAS DAS NOVIDADES DESTA EDICIÓN

Silleda, 26 de maio de 2023.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia contará de novo no seu programa cun gran número de actividades caninas e ecuestres, entre as que haberá atractivas novidades.

En canto ás protagonizadas por cans, as propostas serán moi variadas. Non faltará o agility, de man da Federación Galega de Caza, con exhibicións para nenos, Probas da liga Autonómica de Agility e tamén a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia. Tamén esta Federación organizará a Presentación de Cans de Caza, na cal se irán mostrando de forma individual numerosos exemplares de diversas razas de caza á vez que o presentador explicará aspectos como as súas características ou utilidades.

Sumaranse exhibicións de mondioring, unha modalidade de adestramento deportivo canino que une traballo de obediencia, axilidade e protección. Tras moitas edicións, estas demostracións volven á feira, polo que suporá unha das súas novidades.

As actividades centradas no Can de Palleiro incluirán o XVII Concurso Monográfico da raza CdP, unha charla divulgativa sobre esta raza autóctona galega, xogos tradicionais ou talleres de debuxo infantil, ademais de contar coa presenza de distintos exemplares no stand e dun can xigante realizado a base de globos para animar aos visitantes a que acudan ás súas propostas. Ademais, entregarase o “Palleiro de Honra”, que nesta ocasión recibe a Fundación Once Perro Guía, que recollerá un representante da entidade acompañado de cachorros que foron trasladados de Galicia a Madrid o pasado mes de novembro para comezar o seu adestramento como apoio a persoas con cegueira ou deficiencia visual grave, unha formación que continúa e que lles permite vestir o seu chaleco de “futuros cans guía”. Así mesmo, entregaranse recoñecementos a socios veteranos e a Teté Mareque, socia que é artesá fiandeira e divulga esta raza a través da confección de pequenas pezas de pelo de Can de Palleiro procedente da muda de pelo destes cans.

Por outra banda, volve ao marco da feira o Concurso Nacional Canino Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, certame de beleza que celebra a súa 17ª edición e que organiza a Sociedade Canina Galega. Ademais, haberá exhibicións de habilidades caninas e repite a Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina cunha exhibición.

Diversidade nas actividades ecuestres

O certame tamén contará cun interesante programa ecuestre. Entre as súas novidades destacará un trail de primavera con cabalos de pura raza árabe. Organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA), consistirá en superar probas de obstáculos como barras ou pontes cometendo o menor número de erros posible, tanto montados como a man, e con diversas especificidades en función do nivel de dificultade.

Tamén centrado nesta raza e de man da mesma entidade, celebrarase o X Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C. Un concurso morfolóxico que será un dos dous únicos con categoría internacional que se celebran este ano en España, sendo ambos en Galicia, con presenza de exemplares de diversos países e con xuíces que proceden de lugares como Libia ou Marrocos. Nel escolleranse o Mellor Puro Exipcia femia e macho, Mellor Puro Spanish femia e macho, Mellor Poldra, Poldro, Egua e Semental nado en Galicia e exemplar nado en Galicia coa máis alta puntuación. Así mesmo, recoñecerase a Mellor cabeza, Mellores movementos e Mellor presentador, amateur e profesional. O équido con maior puntuación será merecedor do Best in Show, mentres que mellor exemplar entre os gañadores das distintas categorías será o Campión Absoluto.

Entre as propostas ecuestres tamén se incluirá a presentación “O cabalo de pura raza galega, doma e morfoloxía. A nosa raza”, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego en colaboración co programa FEADER “Europa Inviste non Rural”, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura, e tamén o taller sobre “Os coidados do pónei”. Sumarase o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga).