Freestyle motocrós, atletismo e xadrez, tres deportes moi distintos que se unen na feira Abanca Semana Verde 2023

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • OS PILOTOS PAULO MARTINHO E ÁNGEL CAMPOS VOLVEN AO CERTAME CON DOUS ESPECTÁCULOS DE MOTOR REPLETOS DE DIVERTIDAS E ARRISCADAS ACROBACIAS
  • A CARREIRA POPULAR CHEGA Á SÚA OITAVA EDICIÓN E O OPEN DE XADREZ Á CUARTA, ESTANDO XA ABERTAS AS INSCRIPCIÓNS PARA PARTICIPAR EN AMBAS COMPETICIÓNS

Silleda, 23 de maio de 2023.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal celebrará a súa 45ª edición entre os días 8 e 11 de xuño, unirá no seu programa numerosos deportes, entre eles tres tan distintos como o freestyle motocrós, o atletismo e o xadrez.

Así, acollerá a VIII Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, organizada pola entidade feiral xunto coa Federación Galega de Atletismo e co patrocinio de Abanca, e que xa se trata dunha cita consolidada no calendario galego de atletismo.

A proba dará comezo ás 20.00 horas do 9 de xuño, incluíndo o seu percorrido unha pequena parte dentro do recinto e o resto en zonas exteriores próximas ao mesmo. Establece dúas categorías, Escolar, que inclúe Pitufos, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Sub 18; e Absoluta, con Sub 20, Sub 23, Senior, Máster A, Máster B, Máster C e Máster D. Os participantes, que poden ser atletas federados ou non, deben inscribirse ata o 7 de xuño ás 20.00 horas en www.carreirasgalegas.com. O custo é de 5€ para a categoría Absoluta e gratuíta para as Escolares.

Por outra banda, o Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia, levará a cabo a súa cuarta edición. Será o 11 de xuño e contará con seis categorías distintas, as cales serán totalmente independentes e corresponderanse con Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14, Sub 16 e Absoluta.  Xogarase con sistema suízo a 8 roldas mediante programa informático homologado pola Federación Internacional (4 en sesión matutina e 4 de tarde), co cal ningún xogador quedará nunca eliminado, enfrontándose en cada rolda os xogadores da mesma puntuación. Contará cun total de 1.500€ en premios e na categoría Absoluta será de novo puntuable para a clasificación internacional Elo FIDE.

Os interesados en participar neste Open poden inscribirse no formulario oficial do evento, o cal figura en www.semanaverde.es/bases_Open_Xadrez.pdf. Poderán facelo ata o día 9 de xuño ás 20.30 horas, cun custo de 10€ para maiores de 16 anos e gratuíto tanto para o resto de idades como para participantes con puntuación a partir de 2.200 Elo. Entre os rexistrados xa están confirmados varios Grandes Mestres desta disciplina.

Espectáculos de motor

A feira acollerá tamén a fin de semana exhibicións de freestyle motocrós, un deporte extremo que volve ao recinto da man de dous pilotos que xa colleitaron gran éxito na feira.

Así, o sábado repetirá Ángel Campos, que xa participou en 2018 con moi boa acollida. Nas súas dúas exhibicións de motociclismo stunt poderanse ver gran diversidade de acrobacias coreografiadas. O domingo será a quenda de Paulo Martinho, pioneiro do freestyle en Portugal que visita o certame por cuarta vez cun show no que sorprenderá con novos investidos, cabaliños ou queimadas de roda.