TIVERON LUGAR DURANTE O DÍA DE ONTE E A MAÑÁ DE HOXE NO MARCO DO SALÓN TURÍSTICO DE GALICIA E O SALÓN DE ALIMENTACIÓN DO ATLÁNTICO, OS CALES SE CELEBRAN XUNTO Á FEIRA ABANCA SEMANA VERDE ATA O DOMINGO
Silleda, 9 de xuño de 2023.- O XII Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e o 26º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, celébranse desde onte e ata o domingo no marco da 45ª Feira Abanca Semana Verde de Galicia. Dentro da súa vertente máis profesional estes certames acolleron durante todo o día de onte e a mañá de hoxe máis de 3.500 reunións nas súas mesas de negocio.
Así, o Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, celebrou a súa recoñecida Bolsa de Contratación, a cal volveu converterse nunha efectiva plataforma comercial para o sector coa celebración de máis de 2.200 reunións de negocio. Nelas máis de 140 empresas puideron mostrarlles as súas propostas a preto dunha trintena de turoperadores con presenza en doce países, como son Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Canadá, España, Estados Unidos, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido e Uruguai. Estas eran, na súa maioría, axencias tradicionais (emisoras de grupos ao estranxeiro) ou axencias de “incoming” (axencias de receptivo especializadas en destino España e Portugal que traballan para emisores doutros mercados), buscando algunhas delas especificamente propostas relacionadas con patrimonio cultural, Camiño de Santiago, Enoturismo e gastronomía ou turismo accesible.
Estes operadores trasladaron á organización tanto o gran interese das propostas e destinos que coñeceron como o seu agrado por tratarse Turexpo Galicia dunha feira de turismo enmarcada nun certame multisectorial, con sectores paralelos como a alimentación, que tamén resulta de gran atractivo para eles. En canto ás empresas participantes na Bolsa, a cal conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, mostráronse moi satisfeitas, indicando na súa maioría que as expectativas de negocio son moi boas e manifestando algunhas delas que xa pecharon durante os encontros importantes acordos, cando o habitual é, en todo caso, facelo posteriormente.
Pola súa banda, o Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, acolleu os seus Encontros Internacionais de Compradores, un espazo que facilita ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países. Neles levaronse a cabo máis de 1.300 reunións nas que máis de 130 empresas mostraron os seus produtos a, finalmente, 28 importadores e distribuidores alimentarios de dezanove países, como son Alemaña, Bélxica, China, Dinamarca, España, Francia, Irlanda, Italia, Lituania, México, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Suecia, Suíza e, por primeira vez, Filipinas e Guinea. Destes participantes, 23 son importadores, mentres que os restantes son compradores nacionais, correspondéndose con dous distribuidores e con tres cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa e El Corte Inglés.
O feedback recibido por parte dos compradores é moi bo, ata o punto de que a moitos deles estalles resultando difícil decidir que produtos, dentro da mesma categoría, incorporan á súa carteira, dado que lles gustan todos. Incluso algúns compradores que non estaban especialmente interesados nun tipo de produtos polas dificultade loxísticas para o seu transporte, decidiron que tentarán buscar solucións para solventar eses problemas e poder contar con eses produtos nas referencias que ofrecen nos seus países de orixe. Con este gran interese por parte de importadores e distribuidores, as empresas participantes cualificaron os encontros de moi positivos.
Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2023, que se converteron unha vez máis nunha eficaz ferramenta de venda, contan co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia.
Fam trip
Ademais das reunións de negocio, tanto a Bolsa de Contratación como os Encontros Internacionais de Compradores contan cunha viaxe de familiarización posterior, no que tamén coñecerán varias empresas galegas.
Este fam trip comeza esta tarde cunha visita ao Pazo de Señoráns, situado en Meis, e á cidade de Pontevedra, para logo aloxarse en Mondariz-Balneario. Mañá coñecerán o Castelo de Soutomaior, Pazo Baión (Vilanova de Arousa) e a localidade de Cambados, incluído o seu Pazo de Fefiñáns. Xa o domingo visitarán a Catedral de Santiago e rematarán a viaxe descubrindo o centro histórico de Compostela.