Xornadas, encontros de negocio ou showcookings, entre as actividades destacadas de hoxe na feira Abanca Semana Verde 2023

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin

SÚMANSE MOITAS OUTRAS PROPOSTAS DOS DIVERSOS SALÓNS DO CERTAME, O CAL SE CELEBRA ATA O DOMINGO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 9 de xuño de 2023.- A 45ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia continúa co seu programa, destacando hoxe, entre a súa gran cantidade de propostas, as xornadas, presentacións e showcookings.

En canto ás primeiras, a Fundación Empresa-Universidade Galega organizou tres interesantes conferencias centradas en “Estratexias Innovadoras para a xestión sustentable dos recursos no cultivo da vide”, “Diversificación e mellora da produción de cultivos agroforestais en Galicia” e “Ingredientes alternativos en alimentación animal e estratexias sustentables para a mellora do benestar en gandaría”. Así mesmo, esta mañá a Consellería do Medio Rural presentou a ferramenta informática “Sistemas de xestión de explotacións agrarias (Agro 4.0) – cadernos de explotación”, mentres que un dos expositores participantes na feira presentou persianas que xeran electricidade, ademais dunha solución contra a humidade, a condensación, a fatiga e a alerxia. Xa a última hora da tarde o silledense José Ramón Castro presentará o libro “Feirear”.

En canto aos salóns de alimentación e turismo, hoxe finalizaron os Encontros de Compradores de Salimat Abanca e a Bolsa de Contratación Turística de Turexpo Galicia, os cales acolleron durante o día de onte e a mañá de hoxe máis de 3.500 reunións de negocio con turoperadores e compradores alimentarios orixinarios ou con presenza en 25 países.

Ademais, hoxe destacan a cociña en vivo e as degustacións. Así, na Terraza Salimat celebrouse o showcooking “Azul do noso Mar”, a cargo do chef André Arzúa. Desenvolvéronse tamén diversas Experiencias de Calidade, organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), como “Artesanía alimentaria” ou “Irmáns de leite”; e tamén as catas de produtos do mar de Galicia da Consellería do Mar, entre elas as denominadas “Fresco e Salvaxe” a cargo de Begoña Vázquez, do Restaurante O Regueiro da Cova, ou “Suculento tesouro atlántico”, conducida por Emma Pinal, de Gastrobar O Birrán. E a elas súmanse durante toda a xornada multitude de sesións de expositores.

Outras propostas

Sen embargo, as actividades de hoxe na feira inclúen moitas outras propostas, desde talleres de “Seguridade para actividades no medio natural e habilidades primitivas” ou “Aves Migratorias” ata exposición de aves de cetraría ou a VII Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia, que pecha hoxe o programa da feira.