O XVII CONCURSO NACIONAL DE BELEZA CANINA, O MONOGRÁFICO DO CAN DE PALLEIRO, O IV CONCURSO DE MANEXO DO PORCO CELTA OU O III CONCURSO DE TORTILLA ESPAÑOLA SUMÁRONSE HOXE AO CERTAME, ENTRE OUTRAS PROPOSTAS
Silleda, 11 de xuño de 2022.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal pecha hoxe as súas portas, conta de novo nesta xornada cun amplo programa no que numerosas propostas sumáronse tanto ás celebradas todos os días como ás que se incorporaron onte.
En canto ás actividades caninas, celebrouse o XVII Concurso Nacional Canino, organizado pola Sociedade Canina Galega, un certame de beleza no cal participaron máis de 100 exemplares. O Best in Show (mellores do campionato) foron, de primeiro a terceiro, o staffordshire bull terrier Stylestaff Thomas Shelby, de Iván Eirín Fernández (Pontevedra); o can pastor australiano Damani Dream Zucca Shooting Star, de Susana González García (Mos – Pontevedra); e o galgo afgán Afghans Addiction Sentada A la Derecha del Padre, de José Manuel Carnero Rodríguez (Finisterrre – A Coruña).
Así mesmo, celebrouse a XI Proba da liga Autonómica de Agility, quedando en primeiro posto Christian Andrade con Gen en altura 20, Adrián Couselo con Baloo en altura 30, Gustavo Deus con Abby en altura 40, Jorge Esteban con Shadow en altura 50 e Juan Carlos con Ringo en altura 60.
En canto ao Can de Palleiro, protagonizou o XII Concurso Morfolóxico, no que participaron 21 exemplares entre 4 meses e 5 anos. Na clase moi cachorros venceu Lúa da Costa de Tordoia, en cachorros Luriña, en Xóvenes Randy Val de Veiga, en clase aberta machos Fento e en clase aberta femias Aine.
Xa esta tarde levarase a cabo unha exhibición de mondioring, unha modalidade de adestramento deportivo canino que une obediencia, axilidade e protección.
Unha princesa de Abud Dhabi no morfolóxico de cabalos árabes
Esta mañá rematou ademais o X Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA). O Campión Absoluto e Best in Show, ademais de Mellor Poldra Criada en Galicia, foi a poldra Od Amira, propiedade de Omar Dovale, de Lugo.
Nesta competición destacou a presenza dunha princesa de Abu Dhabi, Her Highness Sheikha Fatima Bint Hazza Bin Zayed Bin Sultan Ao Nahyan, quen foi un dos xuíces do concurso.
Súmase o trail de primavera con cabalos de pura raza árabe, organizado tamén por AGCCA, o cal se está celebrando e consiste en superar probas de obstáculos cometendo o menor número de erros posible, tanto montados como a man, e con diversas especificidades en función do nivel de dificultade.
Outras propostas
O Salón de Alimentación do Atlántico está a ofrecer atractivas propostas, entre as que hoxe destacou o III Concurso Popular de Tortilla Española D.O.P Baena, no que este ano houbo dúas competicións. A primeira delas foi entre dous equipos conformados por cinco persoas cada un e pertencentes a dúas asociacións da parroquia de Cercio (Lalín), a asociación cultural A Carballeira e a asociación de baile, as cales estiveron capitaneadas por dous dos rostros máis recoñecidos e queridos da Televisión de Galicia, Duarte Galbán e Tania Veiras, e cuxo resultado foi o empate. O segundo enfrontamento foi individual, entre as dez persoas pertencentes ás asociacións, sendo vencedora Ana Blanco, da asociación cultural A Carballeira.
Tamén en Festur destacaron actividades das festas de interese turístico, como a degustación do Carneiro ao Espeto de Moraña e da Tortilla de Laro de Silleda. E en canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, os visitantes puideron desfrutar hoxe da Presentación de Cans de Caza de Galicia, entre outras moitas propostas xa desenvoltas estes días no certame.
Na área gandeira, celebrouse unha charla informativa sobre a raza autóctona Galiña Piñeira e esta tarde dispútase o IV Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta.
Por outra banda, o piloto Paulo Martinho realizou esta mañá unha exhibición de freestyle e estase celebrando o IV Open Internacional de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia.