O chef galego Miguel Mosteiro, o vasco Diego Valdivieso e o andaluz Paco Ybarra compartiron cociña e charla no “Faladoiro” de Salimat Abanca

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin

ESTA TARDE, NO MARCO DESTE SALÓN DE ALIMENTACIÓN DE GALICIA, FALARON DO ONTE E DO HOXE MENTRAS ELABORABAN UN PRATO DE REFERENCIA NAS SÚAS VIDAS

Silleda, 10 de xuño de 2023.- O 26º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, o cal se celebra desde o pasado xoves e ata mañá no marco da 45ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, estreou hoxe unha nova actividade.

Trátase do “Faladoiro de Salimat”, un espazo no que reputados chefs de distintas Comunidades achegarán ao público a emoción da cociña, o seu traballo, o seu periplo vital, aprendizaxe, éxitos e fracasos, pero sobre todo enxalzarán as singularidades de cada Comunidade representada, o que as une e as diferenzas nos produtos utilizados.

Nesta ocasión foron o chef galego Miguel Mosteiro, o vasco Diego Valdivieso e o andaluz Paco Ybarra, quen falaron do onte e do hoxe na súa experiencia vital e na súa profesión mentres elaboraron un prato de referencia nas súas vidas.

En canto a Miguel Mosteiro, preparou “sardiña de San Juan en base de pan de broa”, con escalivada, maionesa de pementos de Herbón e nébeda, sendo a sardiña en aceite afumado e curada en sal e azucre. David Valdivieso cociñou “morokil de txakinarto con bacalo”, unha sopa de millo con bacallau na que o millo é de oito filas en lugar das doce habituais nas mazorcas, unha variedade que está a desaparecer e que achega un sabor máis concentrado. Pola súa banda, Paco Ybarra elaborou “salmorejo de laranxa con faragullas de ibérico e sardiña curada”.

Finalmente, o público asistente ao “Faladoiro” puido degustar os pratos elaborados polos tres chefs.

Encontros de bloggers

Tanto Salimat Abanca como o salón turístico Turexpo Galicia, que se celebra tamén no marco da feira Abanca Semana Verde, levaron a cabo hoxe os seus encontros de bloggers.

No Encontro de Bloggers Gastronómicos de Salimat Abanca 2023 participaron Secret Galicia, Recetas Fácil con Bela, Chus Nenalinda, Rutas y Restaurantes, Desayuna Coruña, Tragón del Planeta, Fogones Gallegos e El Toque de Inés.  En canto ao Encontro de Bloggers de Turexpo Galicia acudiron A World to Travel, Engaliciamórate, Cristal de Viaje, Pasear Galicia, Loves Galicia, Galidrone, Marco Volador, Culito Inquieto, Galicia Escapadas, Nunca Sin Viaje e o youtuber Jerónimo Salgado.