PARTICIPARON UN TOTAL 14 EXEMPLARES PROCEDENTES DE DISTINTOS PUNTOS DE GALICIA
Silleda, 4 de xuño de 2022.- Os exemplares Galaxia de Oza e Orballo de Lourenzá foron, respectivamente, os gañadores das seccións de eguas e sementais do IX Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega Abanca Semana Verde de Galicia, o cal se levou a cabo hoxe no marco da 44ª edición desta feira.
En sementais, ademais de Orballo de Lourenzá, propiedade de Adrián Martínez Oreiro, de Vimianzo, foron recoñecidos co segundo posto Comanche, de Alfonso Vázquez, de Teixeiro (Curtis) e co terceiro Chocolate FR, de Juan Jesús Fontenla, de A Estrada.
En canto a eguas, a gañadora, Galaxia de Oza, é propiedade de Juan Paz, de Buriz (Gutiriz), e foi presentada por Álex Paz no seu debut como presentador. O segundo e terceiro posto foron, respectivamente, para Lola de Rúa, tamén de Juan Paz, e Fonteiña, de Carlota Fontela, procedente de A Estrada.
No concurso, organizado pola Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), participaron 14 exemplares desta raza autóctona en perigo de extinción procedentes de distintas localidades de Galicia.
A organización destaca o alto nivel en ambas as seccións do concurso, no que a xuíza foi Isabel Vierna Pita, de Ortigueira.

Exhibición de Andadura
Tamén da man de Puraga levouse a cabo unha exhibición de andadura natural, coa egua Lola de Rúa, de Juan Paz, marchando en serrada e o cabalo Orballo de Lourenzá marchando en andadura chapeada co seu xinete Adrián Martínez Oreiro.









