PROPOSTAS CANINAS E ECUESTRES, UN SHOW DE TRIAL, EXHIBICIÓNS DE CETRERÍA, SHOWCOOKINGS E CATAS, ENTRE AS ACTIVIDADES QUE ESTÁN TENDO LUGAR
O CERTAME CONTINUARÁ MAÑÁ CON GRAN CANTIDADE DE PROPOSTAS PARA TODOS OS PÚBLICOS
Silleda, 4 de xuño de 2022.- A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá domingo, puxo en marcha hoxe o seu programa máis lúdico. E fíxoo multiplicando as propostas das súas distintas áreas e salóns.
Así, ademais de distintas exposicións e actividades programadas para todos os días, hoxe incorporáronse novas propostas destinadas ao público xeral. Entre elas destacaron as ecuestres, como o VIII Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, un morfolóxico de cabalos árabes que é o único con categoría internacional celebrado este ano en España e que continúa mañá. Centrado en exemplares de Pura Raza Galega tamén se levou a cabo o Concurso Morfolóxico Oficial e unha exhibición sobre coidado e ferraxe do pé do cabalo. En canto ás caninas, realizouse unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Mariña e o I Concurso Monográfico do Club Español do Grifón Nivernés, ademais de estar en desenvolvemento a IX Proba da liga Autonómica de Agility (axilidade canina).
Por outra banda, comezaron os espectáculos de trial a cargo dos pilotos Jordi Pascuet e Marcel Justribó, os cales contan con varios récords Guinness, e que repetirán mañá cunha sesión de mañá e outra de tarde. Ademais, ao longo de todo o día ten lugar o III Open de Xadrez Abanca Semana Verde de Galicia.
Sumouse unha charla divulgativa sobre o impacto da expansión da avespa velutina en Galicia en canto a biodiversidade e control, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e tamén unha presentación e encontro de emprendedores organizada pola Fundación Roberto Rivas.
Salimat e Turexpo Galicia
As actividades relacionadas cos outros dous salóns paralelos á feira Abanca Semana Verde de Galicia tamén se intensificaron hoxe. Así, en Turexpo Galicia e Festur leváronse a cabo demostracións como a das palilleiras de Camariñas ou degustacións como a do Pan de Cea, ademais do V Encontro de Bloggers de Turismo.
En canto a Salimat Abanca, celebráronse numerosas propostas, como degustacións a cargo de centros de formación profesional de hostalería e turismo e industrias alimentarias, organizadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, e varias sesións da aula de Catas das Consellería do Mar, entre elas “Galicia sabe amar: PescadeRías, de Proximidade e Con selo Propio” e “Galicia sabe amar: Acuicultura, descobre a troita”.
Por outra banda, os visitantes puideron desfrutra dunha degustación de carne de poldro de Cabalo de Pura Raza Galega e realizáronse varias sesións de “Experiencias de Calidade” da Axencia Galega de Calidade (AGACAL), como a cata protagonizada polos pementos de Herbón ou a masterclass sobre carne de vaca e boi galegos.
Así mesmo, destacaron dous dos showcookings realizados na Terraza Salimat, un deles a cargo de Iván Mariñas, finalista de Masterchef 8, e outro conducido por Xoanqui Ameixeiras, cociñeiro do programa “ Estache Bo” de Televisión de Galicia. Sumouse o VII Encontro Gastroblogger.
Fecap Abanca
No marco da feira de caza, pesca e natureza, desenvolvéronse exhibicións de voo con aves de cetrería, talleres de montaxe de moscas a cargo de Álex Puente ou o concurso “ Naturézate”, organizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Hoxe intensificáronse ademais as actividades de tiro con arco e non deixou de funcionar o simulador Sim Way Hunt, un sistema virtual para aprender e adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento.